luns, 28 de xaneiro de 2013

Atletismo: Campionato Galego de Cross individual abosluto e por equipos, Couso, Riveira (FGA)

Novo cross para a sección de atletismo do Noitebra F.C. Neste caso teríamos representación no Campionato Galego de Cross Individual Absoluto e por equipos (cross longo), celebrado no circuíto do mirador de Couso, en Riveira.

Sprint final de Amador. Foto: Nacho Cid
Estarían no piñeiral de Couso Amador e Miguel N. (Pirri), que logo de catar a semana anterior o duro circuíto do Monte do Gozo no cross curto, atreveríanse a meterlle o dente ao tamén duro cross riveirense.


Saída a todo trapo. Foto: Nacho Cid
Cunha distancia oficial inicial de 10.750 metros, o percorrido deste cross quedaría condicionado, como é lóxico nestas datas, polo clima. Non facía o frío da semana anterior en Santiago, pero a choiva da fin de semana, xunto coas probas disputadas con anterioridade ao longo da mañá, farían que o circuíto estivera tremendamente esmendrellado, con máis dun terzo do mesmo nas mesmas condicións, ou mesmo peor, que o que tiveramos no Monte do Gozo.

Foto: Alexha Pires
Por sorte non houbo retraso, e se a semana pasada quecemos ata aburrir, nesta ocasión a puntualidade foi tal que pouco menos que saímos en frío, especialmente por non quedar moi claro onde se podía aparcar ao inicio e andar movendo o coche a un lugar máis próximo e cómodo.
Deste xeito, un pouco despois das 13 h, saímos como cabras tolas ao monte, compartindo a lama con moitas figuras atléticas da nosa comunidade, como por exemplo os internacionais Lolo Penas, Pedro Nimo..., outros destacados a nivel nacional como Alejandro Fernández ou ilustres como Alejandro Gómez, entre outros.

Pronto puidemos comprobar como o circuíto do piñeiral lonxe de estar duro como podíamos pensar, estaba literalmente desfeito. Tiña algunha que outra subida, pero deixábase facer. O que si, é que había que ter ollo de non mancar os nocellos entre tanta fochanca que había nas zonas brandas ou caer ao chan por tropezar nas raíces das árbores ou nos penedos que afloraban no chan en diferentes partes do percorrido.

Como "cabras montesas". Foto: Alexha Pires
Como era lóxico, pola longa distancia e polas condicións do terreo, tocaba saír coa cabeza fría para non petar no acto e comerse as voltas con patacas como lle pasou a máis de un. Dende logo a dureza pasaría factura a todos, e así o comprobamos cando os atletas de elite nos dobraron na súa última volta, onde se vía claramente que os galgos tamén sofren ata o punto de non ter forzas nin para pedir paso de viva voz. Pero se eles parecía que non ían hoxe como foguetes igual que noutro tipo de terreos, moitos de nós parecía que iamos coma tractores (ou maquinaria pesada se queredes) en comparación con eles.

Carreira pois lenta, pesada, dura..., en xeral, onde tanto Amador como eu mesmo (Pirri) saímos a pasalo ben, e abofé que así foi. E iso a pesar de sufrir (que tamén), especialmente ao final, onde volveu chover con algo de forza, e sobre todo estivemos incomodados polo vento que nos freaba e arrefriaba de mala maneira.

Gañaría a proba de forma destacada Pedro Nimo, igual que o fixera en Santiago. Nos clubs vencería o New Balance (ausente en Santiago), con figuras como Lolo Penas ou Alejandro Fernández. No cross das mulleres vencería Solange Pereira e nos clubs femininos o faría o Comesaña.
En canto aos nosos, pois non tivemos equipo ao non reunir catro atletas, pero a nivel individual comentar que aínda deixamos a persoal abondo detrás nosa para non ir digamos que ao 100% dende o inicio.

Na chegada. Foto: Nacho Cid
Quero dar as grazas a todos os espectadores que nos animaron durante a proba noutro día de cans: Christian, Paco Sanmarco, os federativos Iván, Vicente, “Lestrove”... e especialmente a Yolanda Gutiérrez e Mela Penas, que logo de competir na súa categoría, animáronnos persoalmente ata o final.
Ao final, distancia algo máis curta do previsto (e grazas), con apenas 10 km completados, acuarius na meta e ducha insitu a base de mangueira por xentileza do corpo de bombeiros do lugar. Por sorte tamén tivemos ducha quentiña na Fieiteira.

Sen dúbida un día para aprender e para poder gozar participando nunha competición de elite na que non sempre é posible estar presente.

Próxima cita:


Percorrido e perfil
Percorrido
Perfil

Clasificacións

Os nosos
Fotos

Instagram

Patrocinadores

Arquivo