mércores, 20 de febreiro de 2013

Atletismo: II Cross de Compostela e Campionato Galego de Veteráns, Monte do Gozo (FGA)

O pasado domingo tivo lugar unha nova xornada de cross no circuíto do Monte do Gozo. Os atletas do Noitebra participarían no Campionato Galego de Veteráns e tamén no II Cross de Compostela, aberto ademais a corredores populares de todas as categorías.
Juan en compaña de Amador. Foto: AlPaLo
Ao igual que no cross curto de semanas atrás, tocou probar a dureza deste circuíto, caracterizado polo barro e certo desnivel acumulado no perfil.

Gozando...do anorak do club. Foto: El Correo Gallego
Cada proba, dende escolares a veteráns, tiña diferentes horarios e distancias, desenvolvéndose durante toda mañá, e, como non podía ser doutra maneira, chovendo todo o tempo.

O primeiro en competir sería Moisés na carreira cadete-xuvenil, volvéndose a enfrontar á mesma vivencia de semanas atrás neste mesmo lugar, e dobrando do día anterior en Lestedo. Por sorte, nesta ocasión a distancia a percorrer (uns 2,5 km) era menor que no anterior campionato. O seu resultado foi ben digno, precisamente por vires de competir o sábado e atoparse outra vez cun terreo en malas condicións.

Chegada a meta. Foto: AlPaLo
A continuación chegaba a quenda dos “populares” que haberían de completar case 5,2 km (cerca de 5,5 km reais, porque non había maneira de facer completamente a trazada máis curta). Representarían ao equipo Amador Pena, Miguel Nogueira e o debutante na modalidade Juan del Puerto (pai de Moisés). Non houbo demasiados participantesa pesar de ser unha proba aberta, pero, como era de esperar, fíxose unha saída rápida que xunto co estado do terreo foi pasando factura aos corredores segundo transcorría a proba. Con todo, destacamos a gran moral de Juan, que corría nunhas condicións descoñecidas para el e sen calzado axeitado; Amador, que dobraba dunha fenomenal carreira feita no día anterior en Lestedo, tomouno con calma e gozou seguramente máis que ningún outro no circuíto. E Miguel Nogueira, que aínda dobrando do día anterior en Lestedo, tivo unha xornada propicia, que sumado ao nivel xeral dos atletas participantes, posibilitoulle lograr o 2º posto na súa categoría e correspondente premiación entregada polo presidente da FGA.
Foto: Koala

Logo virían as probas do Campionato Galego Veterán. Puri Bermúdez (veteranas de 35 anos en adiante) sería a primeira en catar o circuíto, tamén duns 5,2 km. Trataría de defender o seu bronce logrado o ano pasado en Cabío. Non o conseguiría xa que tería rivais importantes, pero realizaría unha moi boa carreira, a pesar de quedar sen unha zapatilla en viarias ocasións, finalizando entre as 11 primeiras e 4ª na súa categoría.

Foto: Moses
A continuación competía Marcos Losada (veteranos de 35 ata 44 anos), tamén probando esta modalidade (aínda que seguro que xa sabe ben o que é competir no barro dada a súa experiencia noutros deportes). Correndo sen cravos, tamén rematou moi contento coa súa carreira, a máis dura do día ao ter que completar uns 7,3 km de distancia.

Foto: Moses
Finalmente, e na última proba da mañá no Monte do Gozo, teríamos participación individual e por equipos con J. R. Abel, Dani Becerra e Manolo Moure (este último debutando na modalidade). Boa carreira dos tres, con Abel e Manolo dobrando tamén do sábado en Lestedo. O seu esforzo valeulles para lograr un digno 10 posto, tendo en conta que competiamos co xusto e necesario para puntuar. E sobre todo quedará no noso palmarés por ser a primeira vez que participamos por equipos neste campionato veterano.

Foto: Xandra
Agradecer a todos os que axudaron e apoiaron aos nosos antes, durante e despois da carreira, xa que sabemos que non era o mellor día para estar á intemperie. Sen dúbida estes detalles son os que nos fan ser “equipo”.

Tamén felicitar á organización, que nesta ocasión creemos que logrou case que o sobresaliente, xa que a pesar da climatoloxía, mellorou con creces o que xa fixeran no cross curto neste mesmo lugar e no longo en Riveira. Non esquezamos que nós sufrimos as condicións do tempo competindo, pero eles o fan dende a primeira hora ata a última da realización dun evento, e neste caso o trato foi exquisito, e os recursos creemos que máis que suficientes.
Foto: Xandra

So nos queda animar a que o resto de noitebros acudan tamén en masa a este tipo de probas, sobre todo cando son na nosa casa. E non só se trata de vir correr, senón tamén de vir animar, xa que este tipo de carreiras son moi vistosas, e ademais a vosa presenza hipermotiva aos nosos atletas.



Manolo Moure "sachando nas patacas". Foto: Moses

Percorridos

Clasificacións
Oficial II Cross de Compostela (FGA)
Oficial Campionato Galego de Veteráns (FGA)

Os nosos:
II Cross de Compostela:


Campionato Galego de Veteráns:

Equipo VETM45 Campionato Galego:


Fotos
Foro Correr en Galicia
El Correo Gallego

Vídeos
Foro Correr en Galicia

Instagram

Patrocinadores

Arquivo