sábado, 8 de xuño de 2013

Atletismo: XIII Milla Urbana de Ames (FGA) e I Carreira Popular Vila de Sarria (FGA)

O pasado domingo dobre cita atlética para o Noitebra, con participación na XIII Milla Urbana de Ames e a I Carreira Popular Vila de Sarria.
J. R. Abel na milla de Ames. Foto: Concello
Amador. Foto: Juan Diz

J. R. Abel e Miguel Nogueira estarían en Ames e Amador Pena desprazaríase ata Sarria.

Por proximidade, comezamos comentando a nosa participación na distancia da milla na localidade do Milladoiro. Xa facía tempo que non participabamos nesta cita xa clásica do calendario da FGA ao coincidir frecuentemente con outras citas de interese. Tamén cabe lembrar que os inicios do noso equipo de atletismo tivo o seu xérmolo en distancias curtas como esta, en especial da man do noso compañeiro Félix coa milla de O Pino. Así que tocaba rememorar o que supón correr a intensísimos ritmos. Debutaría na distancia (nunca é tarde) J. R. Abel. e contaríamos coa animación e apoio técnico do noso compañeiro Nacho Liñares.

Ate o de agora na tempada era precisamente Amador Pena quen nos tiña representado en varias probas deste tipo logrando moi bos resultados. Nesta ocasión collémoslle nós o relevo para narrar como se desenvolven este tipo de probas “a lume total”. Sen dúbida son ben diferentes das de media e longa distancia, parecéndose moito aos eventos que se celebran en pista de atletismo. Teñen lugar habitualmente en series/carreiras segundo a categoría á que se corresponda, polo que non se coincide competindo con demasiada xente, o cal eleva o protagonismo de cada atleta e onde se é máis consciente do posto no que un vai situado.

Foto: Concello de Ames
Así foi no Milladoiro. Varias carreiras por categoría/as a diferentes horas, coa arbitraxe da FGA-Santiago e onde nun suspiro se sucedían as probas, co vistoso que supuña para o público, que nos animaba arreo en cada volta. O primeiro de nós en actuar sería J. R. Abel, que no seu debut faría unha moi boa carreira, situándose o 4º da súa categoría logo de cubrir as tres voltas dun percorrido con perfil case plano (pero con vento en contra na recta principal) ata completar a distancia dos 1.609 metros. Gañaría a carreira e categoría o noso amigo Samuel Veiga, do Atl. Milladoiro. Con posterioridade e na carreira “estrela” competiría Miguel Nogueira, rememorando tempos pasados neste mesmo lugar. Saída a lume detrás do grupo encabezado por nada máis e nada menos que un dos mellores de España na distancia, Víctor Riobó, polo que os postos de honra xa de partida estaban caros, como así foi (os catro primeiros baixarían de 5 minutos). Con todo, posto 7º na carreira e coa sensación de ter deixado escapar o 5º posto, pero para levar anos sen competir na distancia e meses sen facer series con regularidade, non está mal. Polo tanto, contento, aínda que non completamente satisfeito.

Para a vosa aprendizaxe atlética, recomendamos habituarse a competir alternando entre distancias como método de adestramento, xa que resulta moito máis satisfactorio que traballar as series intensas só os días nos que adestramos no estadio, e supón o paso definitivo para atreverse coas competicións en pista ás que optamos a participar polo feito de estar federados (por exemplo, en nada será en Riberia o campionato veterano en pista).

A continuación a crónica de Amador en Sarria:
Foto: Monte Penarubia
Nova proba no calendario da FGA, na vila de Sarria, e que mellor forma de facer a primeira edición dunha proba que homologando a distancia, neste caso os tan de moda 10.000 metros.
Despois de que o anterior dez mil fose polos montes da Serra de Outes, tiña ganas de probar sobre a distancia nun terreo algo máis propicio para poder valorar si acadara algo de melloría no meu estado de forma.

Así que decidín acercarme á proba lucense a pesares de estar un pouco máis lonxe do desexado, de feito entre marchar un pouco máis tarde do que debera por aproveitarlle horas á cama e que se me pasou o desvío mentres conducía, cheguei co tempo máis que xusto, de feito fun o último participante en retirar o dorsal, 6 minutos antes da hora prevista para o comezo da proba. Coas presas, atopeime na saída sen pulsómetro, cronómetro e sen previo quecemento, pero bueno, contento por poder participar.

Así que máis razón para buscar un ritmo que soubera que podería soportar pero que fose o máis rápido posible, e xa dende a saída quedei xusto detrás de Carlos "gilito" e Yolanda Gutiérrez, que buscaban baixar de 35minutos, marca demasiado optimista para un servidor, pero decidín probar...
O día era soleado e con pouco vento, ao redor de 300 persoas tomando a saída, e con Villamor e Platas como claros favoritos.

Xa dende a saída o ritmo imposto polas miñas "lebres" foi alto, pero progresivo como a min me gusta; o circuíto consta de 3 voltas, aínda que non exactas, xa que saímos uns 300 metros antes do paso polo arco de meta.

Primeira volta cómodo pero ao mesmo tempo sabendo que non debía apretar máis, así que quietiño detrás de Carlos, Yolanda e algún outro atleta... Nesta primeira volta puidemos observar que o terreo era practicamente todo chan, salvo uns 100 metros de subida moi lixeira,rectas longas, e cruces de 90º bastante rápidos polo cal ao meu parecer esta é a proba máis rápida que disputei polo de agora.

Na segunda volta fomos pasando a varios participantes ata chegar o último paso polo arco de meta, onde ao ver que o obxectivo de Yolanda de baixar de 35 escapábase un pouquiño, esta decidiu tomar a cabeza do grupo e comezar a tirar, empezamos a atopar dobrados pero a verdade sen grandes complicacións para adiantalos, un pouco de vento xusto nas últimas rectas que nos puido atrasar uns segundos, e máis a Yolanda, que no meu entender non aproveitou o feito de levar a un compañeiro máis rápido que ela colocándoo diante tapando o vento, se non que fixeron case toda a proba paralelos, o cal na miña opinión fixo que non acadase o seu obxectivo.

Finalmente 12º posición na xeral para min, cun tempo de 35:06, mellorando en medio minuto o meu mellor tempo acadado en Porriño, Yolanda 35:11, facendo tamén mellor marca persoal na distancia.

A organización estivo perfecta en canto a seguridade, camiseta chula que eu por falta de tempo non pillei, plátano e xel para as pernas en bolsa do corredor, e Aquarius e auga, duchas a 500 metros e comodidade para aparcar a escasos metros da saída e marchar sen problemas antes de finalizar a proba. Así que na miña opinión, carreira moi recomendable tanto por organización como por perfil para acadar unha boa marca.



Clasificacións
Milla de Ames (FGA)
- J. R. Abel. Posto carreira: 7 ; Posto categoría: 4 ; Tempo: 5:41 ; Ritmo: 3:31/km. 
- Miguel Nogueira. Posto carreira: 7 ; Posto categoría: 6 ; Tempo: 5:22 ; Ritmo: 3:21/km.

10 km de Sarria (Championchip Norte)
- Amador Pena.  Posto carreira: 12 ; Posto categoría: 7 ; Tempo: 35:06 ; Ritmo: 3:31/km.
Nº de participantes que finalizaron a carreira absoluta: 333

Instagram

Patrocinadores

Arquivo