Cita ineludible do Noitebra no XII Medio Maratón de Ferrirúa, na Pobra do Brollón.
|
Foto de familia. Por xentileza de Javier |
Día de competición e tamén de celebración nun domingo que comezou gris, pero rematou con sol e calor. Nubes que se levantaron para recompensar o esforzo feito por cada un dos nosos atletas no esixente percorrido da proba. Como froito do mesmo, o Noitebra obtivo o recoñecemento da organización, que nos outorgaría un trofeo honorífico. A nivel competitivo, día histórico no plano individual, ao gañar por primeira vez un dos nosos atletas unha carreira. Sería, como non, Puri, primeira das mulleres en entrar na meta.
|
Foto: Silvia Rodríguez |
Pouco hai que comentar desta carreira que non se teña dito aquí ou noutros foros. Carreira popular en esencia pura, coa aldea de Ferreirúa volcada co evento e coa organización da mesma (os veciños do lugar) velando porque todo saíse ben e recompensando á fidelidade dos participantes con todo o seu entusiasmo e dedicación. Como dicimos, cita ineludible para o noso equipo logo das experiencias de anos anteriores, e así o quixemos transmitir, sen obter moito éxito na convocatoria, por causas diversas.
|
Foto grazas a Javier |
O caso é que xuntamos un grupiño xeitoso que si estivo disposto a esta aventura, nun momento non propicio para case ninguén, deixando obrigas persoais a un lado e soportando enfermidades, lesións etc. Dende logo case daba pena en que situación fomos: Nacho con molestias musculares; Manolo con apenas unha semana de recuperación da súa lumbalxia; Ángeles que case que tiña que estar hospitalizada por problemas estomacais; Puri con problemas cervicais; Fleky sen poder adestrar por temas laborais; e Miguel con problemas de migrañas e tamén musculares que mesmo apareceron en plena carreira. Connosco veu invitado un futurible fichaxe para o Noitebra, Ricardo Iglesias, pero parece que se contaxiou do noso estado e tivo unha páxara de campionato cando a priori era candidato a entrar no top 10 da carreira. Destacar que tivemos acompañantes de luxo animando e apoiando, como o pai de Fleky, e en especial a muller de Manolo e a súa amiga Fina. Os seus ánimos en cada paso de meta daban osíxeno extra.
|
Foto: Silvia Rodríguez |
En definitiva, todo foi por compartir un momento en familia, nun lugar moi especial, e nun día tamén especial para recordar que un servidor leva vestindo escudo e cores do noso club xa 10 tempadas. A todos/as un millón de gracias polo esforzo!! Non o esquecerei nunca.
Desprazamento de pouco máis de hora e media, con tempo abondo para ir, e unha vez alí xa logo puidemos ver que había bo ambiente grazas ás categorías escolares e á carreira dos 9 km, na que participaría o homenaxeado deste ano, o gran Carlos Adán, que terminaría gañando dita proba.
|
Foto: Adán Roque |
Sobre a media maratón, perfil esixente por tramos, pero asumible xa que non é necesariamente rompe-pernas a pesar das costas. O percorrido redúcese a un par de subidas longas, continuadas de baixadas tamén longas e tramos de varios quilómetros de zona semi-chá que se repetirían en dúas voltas e cuarto. O índice de dificultade pódese estudar en función dos resultados dos mellores da carreira, que non distaron moito de marcas como as obtidas noutras medias como, por exemplo, a de Ferrol ou Betanzos.
|
Foto: Adán Roque |
Sorpresivamente, e a pesar da baixa participación, este ano houbo bo nivel entre os primeiros (basta con comparar coa clasificación do ano pasado) o cal, sumado ao fresquiño de primeira hora, fixo que a saída fose rápida. Logo viría a tortura da segunda volta, con parte final en subida, xusto cando apretaba o calor. Pero na chegada o sufrimento quedaría atrás grazas á grande animación dos veciños, amigos e coñecidos, dende a megafonía, etc. E logo a comer no avituallamento e despois de ducharse degustación de queixo e empanada, con viño...
|
Foto grazas a Ángeles |
En canto aos nosos resultados, indiscutible protagonismo para Puri, así recoñecido polas súas rivais habituais e tamén pola organización. E todo ben merecido logo de gañar a carreira feminina; carreira agónica para Ángeles que se xogou o tipo por rematar. Por sorte contou coa axuda de Nacho para velar pola súa saúde. Do resto pouco máis que dicir: Manolo, duro coma un penedo; Fleky adestrando en plena carreira; e Miguel escarallado, pero facendo marca na proba a pesar das circunstancias presentes e pasadas... (dureza da carreira, onde?? na cabeza dalgúns...baixando 2 minutos a marca e a pesar das cambras e rematar case que andando os dous últimos km.).
Gañaría a carreira absoluta Ramón Serantes, a nas féminas, si, repetimos, a nosa Puri. Insistimos: resultado histórico!!
|
Foto: Adán Roque |
No vindeiro ano a carreira celebra a súa 25 edición, e a nº 13 da súa media maratón. A convocatoria xa está feita,
como ben se recolle na web veciñal, así que máis que nunca o Noitebra non pode faltar á cita, pero todo depende de cada un de vós.
En resumo, día irrepetible, emotivo e inesquecible para os que estivemos alí. Mágoa ter sido tan poucos. Mil e un agradecementos novamente aos que responderon á convocatoria, aos nosos acompañantes e a toda a Organización e Asociación de Veciños de Ferreirúa. Ata o ano que vén!!
Percorrido e perfil
|
Perfil |
|
Perfil con porcentaxes de desnivel |
Clasificacións
Os nosos
Fotos
Vídeo