Logo de case una semana,
por fin atopo un momento de certo respiro para escribir unhas liñas do que foi
o noso grande reto coa organización do Trail de Compostela. É difícil decidir por
onde comezar, e habería tanto que contar que daría para un artigo de 20 ou máis
páxinas, pero non é plan. Por iso, comezo polo final. Isto é , destacar o éxito
que conseguimos ter, salvando erros e detalles típicos que asumimos plenamente.
Éxito pola participación. A xente sabía que eramos novatos nisto de organizar carreiras, e para máis un trail polo medio do monte, por riba Campionato de Galicia, nada máis e nada menos. Pero isto non foi mérito noso, se non de todos os amigos, coñecidos, correlegas... e aqueloutros que non nos coñecían pero que confiaron en nós e viñeron facer grande este Trail. Persoalmente non esquecerei a todos os vellos coñecidos que viñestes e aí me teredes para o que poida axudar.
Éxito a nivel de
club, xa que a xente do equipo non fallou no día grande, vindo máis de 20 noitebros
a competir nunha proba que non era fácil. E incluso outros que non podían correr,
alí estiveron axudando. Entre todos fixeron máis grande a celebración do noso 15º
aniversario. Agora xa sabedes. Quedades citados para unha cea no Kratos, que a
festa aínda non rematou. Xa poremos data.
Éxito no plano
competitivo. Por suposto o comentado no parágrafo anterior traduciuse no resultado
por equipos, gañando o Noitebra a proba popular. E que dicir dos resultados individuais?
Impensable o conseguido por un club tan modesto coma o noso. Un motivo máis de
orgullo e que valeu para facernos pensar en que todo o esforzo feito por montar
este trail merecera a pena. Con premios individuais na clasificación popular xa
bastaba, pero os nosos, non sei se hipermotivados por correr na casa e co seu club
como organizador, voou polos camiños do Pedroso, e levamos para casa varias
medallas do Campionato que quedarán para o palmarés e imaxinario do club. J. R.
Abel, Óscar Valle, Jorge García, e, en especial, no podio absoluto, Carlos
Buján, co terceiro posto (e no peto xa o campionato na súa categoría), e Amador
Pena como campión absoluto. Case nada. E cabe dicir que pouco faltou para que el e
Jorge non correran, pero o que vos escribe non quería renunciar a que os que
máis tiraron do carro, gozasen do trail que tantos quebradeiros de cabeza nos
veu dando durante meses. A Jorge, felicitalo e darlle as grazas por parir a
idea e trazarnos o fermoso percorrido que todos e todas puidestes catar. E a
Amador por facer algo case de lenda: traballar coma un tolo durante a última
semana para o trail, estar na montaxe o día previo (ata as tantas) e o propio
día da carreira, ata o punto de arrincar a carreira sen quecer. E vai e gaña o
campionato!! Pero por se fose pouco, rematou facendo de voluntario con labor de
fisioterapia ao resto de corredores, e logo, posterior desmontaxe do tinglado no
Pedroso. E máis cousas que fixo despois, pero iso xa volo conta, se lle
preguntades, o noso colega Xose María ;)
Pouco máis podo
dicir. Tan só dedicarlle estas últimas liñas aos que non estiveron, ben porque
non puideron estar ou porque non quixeron. Por sorte xa vedes que sabemos tirar
para adiante, sen presenza institucional, sen apoio mediático, sen financiación
extra (xa vos digo que o club palmará cartos...). Por sorte tivemos a moitos
colaboradores sen os cales agora estaríamos ben fastidiados: voluntarios e
voluntarias amigos/as do Club, Nacho Liñares, J. M Mallo e Belén Noya (coa súa
labor de peche da carreira e limpeza do percorrido), Fleky e Moncho (abrindo
carreira), Manel Mallo (desbrozando, montando, desmontando, traendo voluntarios...),
Martín Rey , Cela e Fernando Barreiro (da nosa sección de BTT, facendo apoio
coas bicis), Adolfo Jiménez (el grande), Restaurante Kratos, Manolo Moure, Chelo-Muñico,
Mel de Galicia, Pepsicola, Xaime Cortizo Fotografía, , S.D Compostela, Gráficas
Sar, Gadis, Restaurante Central, Clínica Sandá, Clínica Fissap, Xoiería José Antonio, Cafetería
Granxa do Xesto, Amancio Deportes, Correr en Galicia, Lau Creaciones, Shark, Protección
Civil, Cruz Vermella, Concello e, por suposto, ao noso amigo Iván Sanmartín en
representación da FGA (bastouse para representalos, aínda que sendo unha 1ª edición
dun campionato... xa me entendedes). Como vedes, non estivemos nunca sos.
Quero dar as
grazas tamén a todos os equipos federados que apostastes claramente por esta
carreira fronte a outras ben lonxe. Estes detalles son dignos a ter en
consideración no futuro.
Seguro que deixo
sen comentar moitas cousas, e sen mencionar a moitas persoas, pero comprenderedes
que debo resumir. Só facer fincapé en
que trataremos de solucionar en breve o problema que houbo cos agasallos e tan
so deciros, vémonos nas carreiras!!
Miguel A.
Nogueira “Pirri”
Directivo do Noitebra, membro da organización do Trail de
Compostela
Fotos do Trail:
Clasificacións: