luns, 7 de decembro de 2009

Atletismo Noitebra: XI Carreira Pedestre de Lestrove

Tarde de cans en Lestrove, e en toda Galicia en xeral, xa que o temporal deixou auga e auga... O caso e que o deporte do atletismo, e, en particular, os que o practican, non entenden de condicións adversas, e cando pensabamos que estaríamos en familia nesta carreira de Lestrove, o certo é que alí nos dimos cita máis de 260 "tolos e tolas" que se atreveron a correr nun día de choiva e fortísimo vento.

O Noitebra presentouse con numerosas baixas por lesións e polo clima, sendo da partida Miguel, Félix, Pepe e Marcos (SADEGA), acompañados de Nacho coma espectador (mérito tivo) e para logo atoparnos alí con Fleky e Martín, entre moitos outros coñecidos.

Ao chegar a Padrón xa vimos que había máis toliños coma nós: os de sempre. Quentar era todo un desafío xa que entre a choiva e o vento non había maneira de correr recto. Logo estaban as charcas, ou lagoas... que cubrían por riba do talón en moitos lugares do circuíto. Así deuse a saída despois de esperar polos rezagados (entre eles un ex do Noitebra como Nacho). E pum!, zapatilla, que co fresquiño da auga prestaba para intentar entrar en calor.

Todo o mundo foi a tope nun circuíto oficial duns 10 km, aínda que cremos que se quedou nuns 9.700 metros. Un terreo chan na súa meirande parte, pero duro pola auga, o vento cando viña en contra,... Eu (Miguel) tiven a sorte de ir ben acompañado grande parte da carreira con Fleky (chegaríamos practicamente xuntos en menos de 37 minutos). Por detrás viñan cerca Pepe e Félix, que a pesar do clima, tamén fixeron moi boa carreira polos mares de Lestrove. Mares nos que tamén nadou ben Marcos, que pouco a pouco lle vai collendo o ritmo a isto das carreiras populares. Por diante, xa en franca recuperación, o noso amigo Martín, cun moi bo tempo (chegaría en pouco máis de 34 minutos).

Na meta, todos entramos coa sensación de ir moi rápido, pero tamén coa de que o recorrido fora algo menos do previsto. E xa non había tempo que perder, xa que tremiamos co frío por estar mollados coma pitos, e a chuvia e o vento non amainaban. O noso premio final déunolo a organización coa bebida isotónica, auga, mazá, iogur e unha camiseta técnica de regalo… (a ver se van tomando nota os amigos do periódico). Un 10 para os organizadores, que non o tiveron fácil nun día coma este.

A próxima carreira será xa este martes día 8 en Valga ás 11 h., onde esperan poder asistir Nacho e Pepe.


Clasificacións:

Oficial individual

Oficial equipos




Fotos:

Por xentileza de Juan Carlos (Correr en Galicia):

Félix baixo a chuvia


Marcos mirando á cámara




Por xentileza de Xabi (Correr en Galicia):

Fleky


Pepe

Patrocinadores

Arquivo