domingo, 3 de xaneiro de 2010

Atletismo Noitebra: Campionato Galego de Veterás de Campo a Través. A Pobra

O Noitebra FC no I Cross de A Pobra: Campionato Galego de Vetarás

Este domingo o Noitebra, fixo acto de presenza no Campionato Galego de Vetarás de campo a través. O noso representante foi Pepe que debutaba neste tipo de modalidade deportiva caracterizada polo seu dinamismo e entretemento para o público, ao tratarse dunha competición que transcorre en varias voltas nun circuíto pechado.
O evento tiña varias carreiras segundo categorías (benxamíns, alevíns, infantís, cadetes, vetarás mulleres, vetarás homes M35 e M40, e vetarás homes M45 e máis), correspondéndolle a Pepe M45. Este tipo de competicións absolutamente reguladas pola Federación Galega de Atletismo diferéncianse das populares polo seu alto nivel de organización, dende a demarcación do circuíto, a entrega de dorsais, a cámara de chamadas na saída, os caixóns de saída, os xuíces árbitros ao longo do percorrido, campá da última volta…que o dotan dun ambiente de seriedade.
A carreira dos vetarás M45 tiña a súa hora fixada para as 13.10h. e era a última do día, polo que se podía esperar un circuíto brando pola area, xa que nos atopábamos no contorno da praia de Cabío, ou pola posible auga debido ao mal tempo destes días, pero nos atopamos cunha mañá de domingo estupenda en canto ao climatolóxico.
De forma puntual arrinca a carreira, que tiña unha distancia aproximada de 5.500 metros e xa logo os favoritos se foron poñendo no seu lugar, destacándose varios grupos intermedios que se pelexaban por entrar nos 10 primeiros, xa que os postos do podio xa se decidiran moi pronto, resultando gañador o coñecido Manolo Vigo Otero, do equipo da USC, cun tempo de 17 minutos e 3 segundos. Por parte do Noitebra, Pepe fixo un papel moi digno ao rematar no posto 25, dun total de 70 participantes que tomaran a saída, empregando 19 minutos e 54 segundos.
Ao final, moi boas sensacións no noso compañeiro que gozou cunha nova experiencia e inda enriba cumpriu amplamente as nosas expectativas. Esperamos poder participar ao longo da temporada en eventos desta índole, que rompen coa dinámica das carreiras populares.


Clasificacións oficiais


Circuíto da carreira:



Fotos noitebras e álbum:

Enlace ao álbum da carreira M45












Patrocinadores

Arquivo