venres, 28 de xuño de 2013

Atletismo: CorreSan Campus Norte e Campionato da USC (FGA)

Os sábado tivo lugar a segunda carreira do circuíto de Carreiras Saudables de Santiago, o CorreSan Campus Norte.
Foto de grupo en Xoán XXIII. La Voz de Galicia
Nova proba na contorna universitaria que sería aproveitada para celebrar o Campionato de atletismo en ruta da USC.

Novamente vivimos un gran ambiente xa dende as carreiras escolares na zona da saída, onde a Avenida de Xoán XXIII. E con moitos noitebros presentes, a pesar das diferentes baixas (vacacións, traballo, etc.), como vén quedou para a lembranza na foto de “familia” realizada por La Voz de Galicia.


Outra en grupo con algúns dos que faltan na primeira, con Pepe!
Carreira nova a do Campus Norte, e a xente con dúbidas da súa dureza en comparación coa do Campus Sur, pero pronto a puidemos catar nunha tarde moi propicia para correr, xa que aínda tendo xa temperatura algo elevada en comparación con días atrás, certa brisa nos libraba do bochorno.

Tres voltas nos esperaban para completar cerca de 6 km pola zona do Auditorio de Galicia, Burgo das Nacións, Parque da Música (Auditorio), subida pola Rúa dos Castiñeiros (San Francisco) e a recta da xa citada Avenida de Xoán XXIII. Polo tanto, rápida de inicio, pero coa costa dos Castiñeiros facendo criba e escachando os ritmos medios na parte final de cada volta.

Ao final, sensación de ter feito unha carreira algo máis dura que a do Campus Sur, pero moito máis dinámica, e cuns emocionantes pasos pola meta co público animando.

Gañaría a carreira Pedro Nimo, indo a medio gas, e nas mulleres triunfaría Raquel Román. Nos nosos, de todo un pouco, pero mirando para os postos de honra, todos/as foron defendendo moi ben as súas opcións no circuíto. A destacar como sempre a Amador Pena, que remataría entre os oito primeiros e terceiro na categoría. As rapazas, dando o callo fronte ás rivais, con Ángeles Vázquez collendo a forma e cun segundo posto na categoría nesta carreira; e Puri mantendo o liderado na súa. Tamén os nosos escolares, Walter e Sara, suarían a camiseta.
Iván S. facendo de todo
En canto ao Campionato Universitario, houbo pouco nivel e participación, o cal favorecía a Miguel Nogueira (único representante do club), que grazas a inestimable axuda de Jorge García e Gonzalo Silva logrou asegurar o podio, quedando sen o segundo posto pola baixa forma. Con todo, terceiro posto absoluto que case non se puido nin gozar, xa que por pouco non había nin podio a onde subir logo de tardar tanto en facerse a cerimonia protocolaria, onde, por certo, non había nin un só representante da USC para facer a entrega (iso si, escusáronse vía mail). Grazas que Iván Sanmartín sempre está aí para facer de todo.

En definitiva, nova carreira na casa que resulta atractiva.

Próxima cita do circuíto en xullo co CorreSan Cidade Vella, onde se espera unha masiva afluencia de corredores/as.

Percorrido e perfil
Percorrido

Perfil





Perfil con porcentaxes de desnivel








Os nosos

Instagram

Patrocinadores

Arquivo