sábado, 21 de abril de 2018

Estatutos do Noitebra Fútbol Club (2018)

Aprobados por unanimidade en Asemblea Xeral Extraordinaria o 20 de abril de 2018.


* ESTATUTOS DO CLUB *

NOITEBRA FÚTBOL CLUB

CAPITULO I
NORMAS XERAIS
Artigo 1º
O Club NOITEBRA FÚTBOL CLUB é unha Asociación privada con personalidade xurídica e capacidade de obrar, integrada por persoas físicas ou xurídicas, con personalidade xurídica propia e capacidade de obrar, con domicilio na Comunidade Autónoma de Galicia, que ten como obxecto primordial o fomento e o impulso da práctica continuada dunha ou varias modalidades deportivas, así como a participación en actividades e competicións deportivas calquera que sexa o seu nivel e destinatario.

Artigo 2º
O Club NOITEBRA FÚTBOL CLUB practicará como principal modalidade deportiva a de FÚTBOL, e solicitará a ratificación dos Estatutos e a inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, de conformidade coa Lei do Deporte de Galicia. O Club NOITEBRA FÚTBOL CLUB practicará así mesmo as modalidades deportivas de ATLETISMO, CICLISMO, SURF, MONTAÑISMO E TRÍATLON, e para tal fin funcionarán as seccións deportivas correspondentes, sen prexuízo de que a Asemblea Xeral poida acordar a creación doutras, e para as cales a Xunta Directiva elaborará e aprobará cadanseu regulamento de réxime interno.

Artigo 3º
1.- As cores principais e representativas do Club NOITEBRA FÚTBOL CLUB son o laranxa e o negro, que predominarán no seu escudo, na indumentaria deportiva do Club e demais elementos representativos.
2.- O escudo do Club terá forma de cruz e incluirá no seu interior as iniciais do nome do club, un balón clásico de fútbol e un círculo interior co nome do club, o nome da cidade de Santiago de Compostela, xunto coa figura dunha ave noitebra e dúas espigas.
3.- Para calquera modificación dos elementos representativos do Club será necesaria a aprobación en Asemblea Xeral co voto favorable da totalidade dos seus socios e socias de número.

Artigo 4º
O Domicilio Social do Club NOITEBRA FÚTBOL CLUB fíxase na Rúa do Limpadoiro s/n, Angrois. C.P. 15702. Poboación Santiago de Compostela. Concello de Santiago de Compostela, provincia de A Coruña.
Teléfono: 676550168
E-Mail: noitebrafc@gmail.com
O Presidente/a, cando as circunstancias o aconsellen, poderá acorda-lo cambio do domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario o acordo maioritario da Asemblea Xeral Extraordinaria.
En ámbolos casos, o traslado de domicilio social non implicará modificación estatutaria, e terá que ser notificado ós socios/as, e ó Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.


CAPITULO II
CLASES DE SOCIOS/AS, ADMISIÓN. DEREITOS E OBRIGAS

Artigo 5º
O número de socios/as será ilimitado. A Asemblea Xeral poderá suspender, non obstante, a admisión de novos socios/as por motivos debidamente xustificados. Os socios/as poderán ser das seguintes clases: de número, honorarios, aspirantes e protectores.

Artigo 6º
1.- Son socios/as de número tódalas persoas maiores de idade, que satisfagan a cota social establecida pola Asemblea Xeral.
2.- Os menores de 18 anos, clasificaranse como socios/as aspirantes, tendo dereito ó uso dos servizos e das instalacións sociais do Club mediante a cota que se fixe e pasarán automaticamente a ser socios/as de número ó cumpriren a maioría de idade.
3.- Serán socios honorarios aquelas persoas ás que a Asemblea Xeral confira esta distinción e terán un posto de preferencia nos actos oficiais da sociedade.
4.- Poderán adquirir a condición de socios protectores as persoas ou entidades patrocinadoras do Club, mediante acordo da Xunta Directiva.

Artigo 7°
1.- Os socios/as de número terán os seguintes dereitos:
a) Contribuír ó cumprimento dos fins específicos do Club.
b) Esixir que o Club se axuste ó disposto na normativa autonómica deportiva e ó establecido nos presentes Estatutos.
c) Separarse libremente do Club.
d) Coñece-las actividades do Club e examina-la súa documentación, previa petición razoada ó Presidente/a.
e) Expor libremente as súas opinións no seo do Club.
f) Ser elector e elixible para os órganos de representación e goberno do Club, sempre que teña plena capacidade de obrar.
2.- Son obrigas dos socios/as de número:
a) Aboa-las cotas que esixa a Asemblea Xeral.
b) Contribuír ó sostemento e difusión do deporte ou modalidades deportivas desenvoltas no Club.
c) Acatar cantas disposicións dite a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva ou Presidente/a, para o bo goberno da sociedade.
3.- Os socios/as aspirantes terán dereito a aproveitarse dos servizos e instalacións sociais do Club.
4.- Os socios protectores terán dereito a aproveitarse daqueles servizos e instalacións sociais que se determinen.

Artigo 8º
Para ser admitido como socio/a, en calquera das súas modalidades, será necesario:
• Te-la idade sinalada para cada unha delas.
• Solicitude por escrito dirixida ó Club.
• Satisface-la cota de ingreso correspondente.

Artigo 9º
A condición de socio/a pérdese:
• Por vontade propia.
• Por falta de pago da cota anual, previo requirimento de pago, e consecuente Resolución do Presidente/a.
• Por acordo do Presidente/a no seu caso, fundado en faltas de carácter grave, previa audiencia do interesado/a, que haberá de ser ratificado na primeira Asemblea Xeral que se celebre.
• Por calquera outra causa establecida na lexislación vixente.


CAPITULO III
ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN E GOBERNO

Artigo 10°
Son órganos de representación e goberno do Club, a Asemblea Xeral e o Presidente/a.
Artigo 11°
O Presidente/a é o órgano executivo do Club, posúe a representación legal, convoca e preside os órganos de representación e goberno executando os acordos destes.
O cargo de Presidente/a é a título gratuíto e carente de interese nos resultados económicos da explotación, por si mesmo ou a través de persoa interposta.
Será elixido mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto por e entre os membros da Asemblea Xeral, cada 4 anos.

Artigo 12º
O Presidente cesará por:
a) Transcorre-lo prazo polo que foi elixido.
b) Dimisión.
c) Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.
d) Aprobación dunha moción de censura pola Asemblea Xeral.
e) Pola perda dunha cuestión de confianza en Asemblea Xeral.
f) Inhabilitación por sentenza xudicial firme ou sanción deportiva.

Artigo 13°
1.- Como órgano complementario dos de goberno e representación, poderá haber unha Xunta Directiva que actuará como órgano colexiado de xestión do Club, e exercerá as funcións que este estatuto lle confire.
2.- Os membros da Xunta Directiva serán designados e revogados libremente polo Presidente/a, debendo dar conta diso na primeira Asemblea Xeral que se celebre.
3.- A Xunta Directiva estará composta polo Presidente/a, un ou varios Vicepresidentes/as, o Secretario/a, o Tesoureiro/a e un ou varios vogais. Tódolos cargos serán gratuítos e carecen de interese nos resultados económicos do Club por si mesmos ou persoa interposta.

Artigo 14°
1.-A Xunta Directiva quedará validamente constituída en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos seus membros. En segunda convocatoria será suficiente a concorrencia, polo menos, de tres dos seus membros, e, en todo caso do Presidente/a e do Secretario/a.
2.- A Xunta Directiva convocarase polo Presidente/a con dous días de antelación como mínimo, á data de celebración.
A Xunta Directiva quedará tamén validamente constituída cando estean presentes tódolos seus membros, aínda que non tivese mediado convocatoria previa.

3.- En especial corresponde á Xunta Directiva:
a) Dirixir a xestión do Club, velando polo cumprimento do seu obxecto social.
b) Formular o inventario, memoria e orzamento anual, que se someterá a aprobación da Asemblea.
c) Aplicar tódalas medidas deportivas, económicas e administrativas precisas para o fomento e desenvolvemento do deporte dentro do Club.
4.- Os acordos da Xunta Directiva adoptaranse mediante asentimento con carácter preferente. De non ser posible, adoptaranse co voto favorable da maioría simple dos presentes. No caso de empate, o voto do Presidente/a terá carácter de voto de calidade.

Artigo 15º
Das Vicepresidencias:
1.- O Presidente/a poderá nomear un ou varios Vicepresidentes/as. Cada Vicepresidente/a quedará vinculado/a a unha sección deportiva concreta, da que será responsable e por cuxo correcto funcionamento e desenvolvemento velará.
2.- O Club NOITEBRA FÚTBOL CLUB contará como mínimo coas seccións deportivas de FÚTBOL, ATLETISMO, CICLISMO, SURF, MONTAÑISMO E TRÍATLON, sen prexuízo doutras seccións deportivas que poida acordar crear o Club á marxe do disposto nestes estatutos. Cada unha destas seccións estará baixo a responsabilidade dun Vicepresidente/a nomeado polo Presidente/a e contará cun regulamento de réxime interno propio elaborado pola Xunta Directiva, de obrigado cumprimento para os integrantes da sección deportiva da que se trate.
3.- O Presidente/a nomeará a un Vicepresidente/a Primeiro/a, quen ostentará as funcións representativas do Presidente/a en defecto deste cando concorra ausencia xustificada, enfermidade, forza maior ou algunha das causas de cese previstas no artigo 12º. Neste último suposto, ditas funcións exerceranse só ata o nomeamento dun novo Presidente/a en Asemblea Xeral.

Artigo 16º
O Secretario/a da Xunta Directiva coidará do arquivo da documentación, redactará cantos documentos afecten á marcha administrativa do Club e levará o Libro de Rexistro de Socios/as e o Libro de Actas.

Artigo 17°
1.- O Tesoureiro/a da Xunta Directiva será o depositario do Club, asinará os recibos, autorizará os pagamentos e levará os Libros de Contabilidade.
2.- Será obriga do Tesoureiro formalizar, durante o primeiro mes de cada ano, un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, que se porán en coñecemento de tódolos socios/as de número.


Artigo 18°
1.- A Asemblea Xeral é o órgano supremo do goberno do Club e estará integrada por tódolos seus socios/as de número.
2.- As Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, quedarán validamente constituídas en primeira convocatoria cando concorran a ela a maioría dos seus asociados. En segunda e última convocatoria media hora más tarde, quedará constituída calquera que sexa o número de membros presentes.
Entre a data de convocatoria e o día sinalado para a súa celebración terán de mediar, como mínimo, dez días naturais e non poderá transcorrer máis de 20.
3.- O censo de socios/as do Club pecharase ós 15 días dende a data de convocatoria da Asemblea Xeral, procedéndose previamente á súa actualización e corrección de erros, debidamente comunicadas ós socios/as mediante as canles oficiais, se os houber. As solicitudes de alta de novos socios/as recibidas trala convocatoria da Asemblea Xeral non poderán tramitarse durante o período asembleario, senón a partires do día seguinte á finalización da Asemblea Xeral.

Artigo 19°
A Asemblea Xeral convocarase polo Presidente/a a iniciativa propia ou do vinte e cinco por cento, polo menos, dos socios/as de número.
1.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter Ordinario, previa convocatoria do Presidente/a, alomenos unha vez ó ano para tratar as seguintes cuestións:
a) Memoria, liquidación do orzamento, balance do exercicio, rendición de contas e aprobación se procede.
b) Orzamento para o seguinte exercicio.
c) Proxecto e propostas do Presidente/a ou da Xunta Directiva.
d) Proposicións que formulen os socios/as de número e que terán de ir asinadas cando menos, polo cinco por cento dos mesmos.
2.- Terá de se celebrar Asemblea Xeral Extraordinaria para a modificación de Estatutos, elección do Presidente/a, toma de cartos a préstamo, emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, alleamento de bens inmobles e fixación de cotas dos socios/as, e calquera outro acordo previsto nestes estatutos ou que se estime oportuno polo Presidente/a ou proceda legalmente.

Artigo 20°
Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple dos presentes, requiríndose unha maioría cualificada e un quórum determinado de asistencia para aqueles asuntos que establezan os Estatutos. Serán vinculantes e de obrigado cumprimento e terán forza executiva a partires da data da súa adopción, sen prexuízo, por razón da materia, da posibilidade da súa impugnación perante os órganos competentes e da Federación Galega Deportiva da modalidade ou perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.



CAPITULO IV
RÉXIME DOCUMENTAL

Artigo 21°
O réxime documental do Club, constará dos seguintes libros: Rexistro de Socios/as, de Actas e Contables.

Artigo 22°
No libro de Rexistro de Socios/as, terán de consta-los nomes e apelidos dos socios/as de número, o seu número de Documento Nacional de Identidade e, no seu caso, os cargos de representación, goberno e administración que exerzan no Club. Tamén, hanse especifica-las datas de altas e baixas, e as de toma de posesión e cese nos cargos aludidos.

Artigo 23º
No libro de Actas, consignaranse as reunións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, con expresión da data, asistentes e a súa sinatura en documento anexo, asuntos tratados e acordos adoptados. As Actas terán de estar asinadas, en todo caso, polo Presidente/a e o Secretario/a.

Artigo 24°
Nos Libros de Contabilidade figurarán tanto o patrimonio como os dereitos e obrigas, e ingresos e gastos do Club, debéndose precisa-la procedencia daqueles e a inversión ou destino destes.

RÉXIME DISCIPLINARIO

Artigo 25°
Os órganos e socios/as do Club estarán sometidos ó regulamento disciplinario do Club e ó disposto no Título VII da Lei 3/2012, do Deporte de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 26°
Así mesmo, o Presidente/a e os membros da Xunta Directiva responderán fronte ós socios/as, o Club ou terceiros dos prexuízos que ocasionaren por culpa ou neglixencia grave, de conformidade coa regulamentación propia do Club e o Ordenamento Xurídico vixente.



CAPITULO V
RÉXIME ECONÓMICO-FINANCEIRO E PATRIMONIAL

Artigo 27°
1.- No momento da creación do Club deportivo, o patrimonio fundacional é: 0 €, e non dispón de instalacións e locais propios.
2.- No futuro o patrimonio do Club estará integrado por:
a) As achegas económicas dos socios/as de número, que aprobe a Asemblea Xeral.
b) As doazóns e subvencións que reciba.
c) Os resultados económicos que poden producir as manifestacións físico-deportivas que organice a entidade.
d) As rendas, froitos e xuros do seu patrimonio.
Queda expresamente excluído como fin do Club o ánimo de lucro e a totalidade dos seus ingresos e beneficios aplicaranse ó cumprimento dos seus fins sociais.

Artigo 28°
O Club poderá gravar e allear bens, mobles e inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos transmisibles representativos de débeda ou parte alícuota patrimonial, sempre que cumpra os seguintes requisitos:
1.- Que se autoricen tales operacións por maioría de dous terzos dos socios/as de número presentes ou representados na Asemblea Xeral Extraordinaria.
2.- Que ditos actos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da Entidade ou a actividade físico-deportiva que constitúa o seu obxecto social. Para a axeitada xustificación deste extremo poderase esixir, sempre que o soliciten como mínimo o cinco por cento dos socios/as de número, o oportuno ditame económico actuarial.
3.- Cando se trate de gravar ou allear bens, mobles e inmobles que foran financiados en todo ou parte, con Fondos Públicos da Comunidade Autónoma, será preceptiva a autorización previa do órgano competente da Xunta de Galicia.

Artigo 29°
O Club poderá emitir títulos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, que serán nominativos.
Os títulos inscribiranse nun libro que levará ó efecto o Club, no que se anotarán as sucesivas transferencias.
En tódolos títulos constará o valor nominal, a data de emisión, e, no seu caso, o xuro e prazo de amortización.
Artigo 30°
Os títulos de débeda só se poderán subscribir polos asociados, e a súa posesión non conferirá dereito algún especial ós socios/as, agás a percepción dos xuros establecidos conforme á lexislación vixente.

Artigo 31°
Os títulos de parte alícuota patrimonial han ser asemade, subscritos polos asociados. En ningún caso estes títulos darán dereito á percepción de dividendos ou beneficios.

Artigo 32°
Os títulos de débeda e parte alícuota patrimonial serán transferidos unicamente entre os que teñan a condición de socios/as.


CAPITULO VI
REFORMA DOS ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DO CLUB

Artigo 33°
Os presentes Estatutos só se poderán modificar, reformar ou derrogar, por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto, mediante votación favorable dos dous terzos dos socios/as de número asistentes.
A reforma destes Estatutos seguirá, con respecto ó Rexistro Entidades Deportivas de Galicia, os mesmos trámites administrativos que para a súa inscrición.

Artigo 34°
O Club extinguirase ou disolverase por acordo de:
a) dos dous terzos dos socios/as en Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ó efecto.
b) por sentenza xudicial.
c) por outras causas legalmente determinadas.
En todo caso haberá de ser notificado ó Rexistro de Entidades Deportivas.

Artigo 33°
Disolto o Club, o remanente do seu patrimonio social, se o houbese, aplicarase a fins análogas de carácter deportivo, ben por acordo previo da Asemblea Xeral ou subsidiariamente polo órgano competente en materia de deporte da Xunta de Galicia.

Instagram

Patrocinadores

Colaboradores

Arquivo