xoves, 7 de marzo de 2013

Atletismo: 7ª Carreira Pedestre Popular Costa da Morte, Camariñas (FGA)

O domingo pasado parte do equipo de atletismo do Noitebra desprazouse ata a Costa da Morte para participar na 7ª Carreira Pedestre Popular Costa da Morte en Camariñas.
Foto: Adán Roque
Mañá soleada para gozar dun percorrido duro pero cunhas vistas únicas pola zona do Cabo Vilán.


Foto: Adán Roque
Igual ca profesionais do running como Nimo ou Fernández, boa parte dos noitebros participantes viñan de dobrar na competitiva carreira de Padrón, e salvo Pepe, algo lesionado, todos se volveron empregar a fondo. Ademais tamén contamos coa presenza de Belén e Raúl.

Como era de esperar, e a pesar da gran promoción de El Correo Gallego, a carreira non tivo moito tirón por coincidir cunha fin de semana chea de eventos atléticos. Con todo, os citados atletas de elite xunto a outros como Lolo Penas, Chus Gestido ou Esther Navarrete deron moi bo nivel á proba.

O percorrido, como anticipamos, ademais da parte urbana de saída e chegada, tiña unha zona por camiño de terra bordeando a costa, con boas vistas ao mar e ao Cabo. Iso si, tamén coas súas boas costas arriba e abaixo, que entre o sol (eran as 12 do mediodía) e o esforzo do día anterior fixeron sufrir abondo a moitos dos atletas.

Foto: El Correo Gallego
Foron oficialmente 10 km de distancia que se quedaron nuns 9,7, e menos mal. No obstante, na chegada nos esperaba un público entusiasmado e animoso dende o primeiro ata o último en rematar. Tamén na meta, fomos recibidos cun bo avituallamento, camiseta técnica, medalla e mesmo servizo de fisioterapia, non desaproveitado por algún dos nosos.
Foto: Adán Roque

En canto aos resultados da carreira, gañaría Lolo Penas na categoría masculina e Esther Navarrete na feminina. Os nosos estarían a un moi bo nivel, aínda que as premiacións estarían caras ao só valorarse o primeiro posto en cada categoría.

En definitiva, día inmellorable para correr nesta zona (quen o diría), nun percorrido con partes moi fermosas e con moi bo trato e organización.



Percorrido e perfil
Percorrido
Perfil
Clasificación

Os nosos
Fotos

Instagram

Patrocinadores

Arquivo