mércores, 3 de abril de 2013

Atletismo: I Carreira Vikinga, Carnota

O pasado domingo un representante do Noitebra estivo na I Carreira Vikinga de Carnota, duns 13 km polo monte da zona.
Foto: Blas Rodríguez
  A continuación a crónica por xentileza de Jorge García.

 

Foto: Leonor Sánchez
A carreira estaba prevista para as 11 da mañá e quedamos no punto habitual Nacho, Ramón, Manolo, Walter (que non correu) e o menda ás 8 da mañá. Manolo tiña medo a perderse algo, fomos tan tranquilos que mesmo nos paramos a tomar un café en Muros e outro xa en Carnota no lugar de saída onde chegamos os primeiros coa vantaxe de aparcar alí mesmo na saída.

A saída foi bastante puntual. Eramos uns 100 participantes e desde o pistoletazo Ruben Caamaño púxose á cabeza. Baixamos até a estrada xeral e fómonos en busca da Aldea de Mallou todos bastante agrupados; á saída desta empezou o duro, dende o km 2,8 ao 4,3 as ramplas foron pondo a cada un no seu sitio. O único que vin que deixou de correr foi o que ao final pinchou dos que ían diante miña. O resto a trote pero superando a pendente. Ao chegar ao cruce de arriba había unhas vistas espectaculares a pesar do nubrado do día. 500 mts. máis alla do cruce pasoume un corredor coa camiseta do Tríatlon de Valladolid e con el fixen todo o tramo de tobogáns que tiña a zona do cumio.

Foto: Blas Rodríguez
No punto mais afastado déronnos a testemuña para entregar en meta e pechamos o anel pasando de novo polo cruce anterior. A partir de aquí o corredor que viña comigo fóiseme uns 100 mts., que tentaba manter como podía xa que era a única referencia que tiña para saber que máis ou menos ía ben. Sabía que levaba a un corredor detrás que no momento de maior debilidade cando mirei o tiña a uns trinta metros (no km 10). Prometinme non volver mirar, así que o que tratei foi de manter a distancia co de diante.

Foto: Leonor Sánchez
A partir de aquí chegou unha zona chá e a baixada dura. Nesta zona chá recuperei bastante ben e como sabia que non baixaba ben (na baixada anterior foi onde se me foi o que ía diante) tentei dar todo o que me quedaba. Moitas curvas non me permitían seguir a referencia, pero nunha das últimas rectas (no km 12) vin que o que ía diante estaba bastante tocado porque lle estaba recortando moito, así que crin nas miñas posibilidades e funme a por el, debíao ter a uns 50 mts. e quedábanos unha recta longa moi empedrada e despois xa entrabamos en asfalto e baixábamos dende o pavillón á meta dando unha voltiña, o tempo suficiente para baixar a todo o que me daban as pernas e gañarlle no último suspiro. Acabei con dor no nocello dereito e unha oitava posición absoluta que me soubo a gloria.

Foto: Jorge García
Camiseta, ducha de auga quente e todo tipo de aperitivos esperábannos en meta (rosca, plátanos, mazás, barriñas, shark, fanta, auga, shandy e mesmo cervexa). Aos poucos foi chegando o resto do equipo que con catro participantes debiamos ser o máis numeroso... Moi bo ambiente, entrega de medallas e volta para casa cun capacho de cervexas que nos regalaron cando acabou todo.



Percorrido e perfil

Percorrido
Perfil
Perfil con porcentaxes de desnivel

Clasificación

Os nosos
Fotos

Instagram

Patrocinadores

Arquivo