Comezamos o ano
con moito frío pero iso non impediu que a actividade do club parase.
|
Membros do equipo de Atletismo en Viana do Castelo |
Na sección de
atletismo arrancamos fortes cunha participación a nivel internacional nunha
nova edición da Media Maratón de Viana do Castelo (Portugal). O día no invitaba
a correr pero os nosos, Nacho Liñares, Fernando Antelo, Fran Méndez e Anxo
Munín, non engurraron, nin coa choiva, conseguindo moi boas marcas.
|
Ricardo Iglesias no barro de Friol |
E xa como prato
forte tocou dar o callo no Campionato Galego do Cross Curto, en Friol, aínda
que seica non estivemos por alí segundo certa folla parroquial santiaguesa .
Pois si, por alí estiveron Dani Becerra, Jorge García, Amador Pena, Ricardo
Iglesias e Miguel Nogueira; e fíxose un digno 14 posto (de 22) se temos en conta
que o nivel foi moi alto, cun equipo gañador, o New Balance, con destacadísimos
atletas nacionais que deixaron atrás a moitos dos nosos compatriotas galegos da
elite. Nin o club do omnipresente e hipermediático Nimo foi quen de
desbancalos; nin cos bos de Fernández e Villamor tirando do carro polo embarrado
circuíto. Con todo, fermosísima mañá para competir, con Lucas correndo xa dende
primeira hora nas categorías escolares (clasificación do campionato) (vídeo CDSan Paio).
|
Fleky e Abel en Rábade. Foto: J. Carreira |
O día antes a
Friol Fleky e J.R Abel cumprirían coa cita do noso club na tradicional cita da
carreira de Rábade, na que sempre se vai a lume (vídeo de matogrosso).
Tamén andarían no Cross de Boborás Rober e Brais Picón. O neno faría das súas como sempre, logrando o segundo posto na súa categoría.
|
Rober Picón . Foto: M. Piñeiro | |
E seguro que algunha cita se nos queda no tinteiro, pero non estivo xa nada mal.
Neste pasado mes
de xaneiro tamén daría comezo a tempada na sección de ciclismo-BTT do club. As
grandes novidades nas incorporacións feitas: Lucas García, Jorge García, Marcos
Losada, Arturo Ramos, que se suman aos xa coñecidos Fernando Barreiro, Martín
Rey, Jorge Cela, Carlos Buján e Miguel Nogueira. Como vedes, o proxecto vai
collendo forma neste segundo ano da sección.
|
Rosquilleando en Ponteareas |
Martín e Fernando
estaría na proba federada de Ponteareas, a Marcha das Rosquillas. Pero tamén
estaría en activo Jorge Cela, participando na Marcha dos do Montebravo (Ruta Brava)
en Calo.
E non esquecemos
a parte máis cerimonial con dedicatoria e homenaxe á nosa ex-compañeira Ángeles
Vázquez, coa entrega da camisola personalizada do noso equipo no mítico Estadio
de San Lázaro.
En febreiro a actividade
do club irase facendo cada vez máis frenética, inda que neve. E en marzo non
digamos xa. Podémosvos facer case-oficial a organización do Trail de Compostela
no Monte Pedroso, que nos servirá para abrir as celebracións do 15º aniversario
do noso club. E se nada se trunca, contra vento, contra marea, contra a inicial
indiferenza dende certas instancias... tamén será nada máis e nada menos que Campionato
Galego de Trail (FGA). Contamos de lanzar o evento e inscricións en breves
semanas, pero xa sabedes. Estades todos e todas convocados para o día 15 de
marzo (como alguén do club se anote a outra carreira ese día, tena clara!!). Pouco
a pouco iremos ofrecendo máis información neste blog e no facebook.