Manolo Moure e Pepe Bermúdez |
Foron 15 anos de dedicación responsable e que se caracterizou pola súa proximidade con todos os membros do club, ademais de ter sido tremendamente polifacético (inda lembramos cando chegou a ser presi-adestrador-xogador-capitán) cando a situación o requiría. Foi, sen dúbida, e durante moitos anos, o auténtico motor do Noitebra, en especial cando a sección de fútbol estaba no seu apoxeo, e co que chegou a disputar unha final da Copa de Santiago. Non chegan as palabras de agradecemento cara o xa ex-presi, pero nos atrevemos a darlle un millón de grazas (e nos quedamos curtos) por ter capitaneado este barco, que moitas veces navegou por augas turbulentas, como adoita pasar cos clubs modestos coma o noso. Con todo, esperamos que na composición da nova directiva sigamos contando coa súa presenza, aínda que sexa cun rol máis sosegado.
Recolle o relevo un dos atletas que máis tempo leva no club (en concreto dende o 2008). Trátase de D. Manuel Moure Sande, que, sendo o único socio que achegou a súa candidatura na Asemblea extraordinaria realizada no Restaurante Kratos (un dos nosos patrocinadores), rematou por ser escollido por asentimento dos socios e socias alí reunidos. Grazas por aceptar o reto! Logo os alí presentes o celebrarían cunha comida de despedida e benvida dos presidentes.
Queda moito traballo por diante agora, comezando pola constitución da nova directiva nas próximas semanas, e cunha nova tempada da sección de atletismo a punto de comezar e que urxe planificar.
Seguiremos informando.
Directiva en funcións do Noitebra F.C.