Comeza unha nova tempada de atletismo, que será a 7ª federada, con renovados folgos e novidades na sección.
Helena en Negreira. D. Martínez |
Dicimos adeus a un grande deportista como é Amador Pena, que pasará a enrolarse nun novo proxecto fóra do noso Concello, así como aos irmás Tarrío, Ía Fernández, ao gran Xaime Rivas, e a Xoan e Moisés del Puerto. Baixas todas elas confirmadas, pero quen sabe se, nalgúns casos, temporais. Contrarrestamos este pesar coa re-incorporación da primeira muller na historia do club, Shaila Muñiz, que marcou unha etapa e o volverá a facer seguro. Recuperamos a Walter Rosales e damos un empuxón á sección feminina coa chegada das irmáns Fernández Matías (Helena e María José), e Zeltia Ramos na categoría escolar. Quedan pendentes aínda novas incorporacións e renovacións que se irán sucedendo pouco a pouco ata pechar a confección do equipo (poucas prazas quedan xa dispoñibles).
Belén en Rianxo. Francisco A. |
E tocou poñerse xa a andar coa Carreira Popular de Rianxo o 1 de novembro, cunha boa representación de noitebros. Continuamos o sábado 7 de novembro dando o callo na pista da USC no Trofeo do Millaraio e o día seguinte (8 de novembro), pelexando, como sempre, na competición por clubs da Carreira Pedestre de Negreira, que este ano estreaba percorrido. Finalizaríamos en 4º posto, a pesar de non contar con todas as balas do equipo, polo que podemos considerar moi valioso o posto conseguido polos/as que nos representaron. E tamén estariamos na carreira multitudinaria de Galicia, como é a San Martiño de Ourense así como na Milla pola Diabetes en Pontevedra.
Anxo en Ourense. Runphotos |
Esta semana toca a primeira media maratón da tempada en Vilagarcía, e cun carácter solidario. Pero tamén toca pechar o circuíto da Costa da Morte coa Carreira de Muxía.
Falando de circuítos, confírmase o 2º posto por clubs no CorreSan 2015 e premios individuais como o de Amador, polo que tocará ir recoller os trofeos posiblemente o xoves 3 de decembro (por confirmar) o mércores 2 de decembro ás 20 h. no Auditorio de Galicia.
Celebrarémolo xa, así como o peche de eventos do 15 aniversario do club, nunha cea o sábado 28 de novembro na que se prevé xa bo ambiente. Quen non se anotase aínda, que avise!!
E temos en proxecto o II Trail de Compostela, co 13 de marzo de 2016 como posible data de referencia. Esperamos poder confirmar a súa celebración o antes posible.
Pronto aínda máis novidades...
Boa tempada 2015-2016 e forza Noitebra!!
A Directiva