Chegaba o día do grande reto. Nin Pedestre de Santiago, nin demais vainas, era a hora de probar un carreira das que din de verdade: o mítico maratón (42 km e 195 metros).
Toda esta aventura comezaba como reto persoal meu (Miguel), que como moitos saberán tiven a meirande parte da tempada lastrado por una vella lesión nas costas, que neste ano mesmo me chegou impedir camiñar con normalidade e que pouco menos que me arrastraba cada fin de semana para competir (lembro varias carreiras como a de Rábade ou a Solidaria do Milladoiro na que pouco menos que saía do coche ante de competir como se fose un velliño con bastón). Ata que pasei polas mans do noso bo amigo Maui, que xunto ao seu traballo e indicacións levou a confirmar una recuperación que non pensaba xa lograr (una aperta dende aquí para el).
O caso é que como colofón da recuperación, e despois de que nesta tempada competise nun bo número de medios maratón, decidín dar o gran salto, para o cal nos estivemos a preparar a conciencia nos últimos 4 meses (que se di pronto). A este reto se sumaron Pepe, Manolo e Dani, que tiraron de casta nas últimas semanas para preparar a distancia. Así mesmo sumáronse Nacho e Fernando e Jaime, que se uniron ó reto apoiándonos cun equipo de relevos na distancia.
Así, o 3 de outubro podemos dicir que fixemos algo de historia no club, que pode presumir de ter xa maratonianos. Este gran día comezaba cun bo madrugón, con saída para Ourense ás 7 da mañá para participar no IV Maratón do Miño. O clima era do peor do peor, chovendo sen parar en todo o camiño e durante toda a mañá na cidade das burgas.
Despois de recoller os dorsais e organizarnos para os relevos e a chegada a meta, saímos da praza maior ás 9 de mañá cerca de 400 persoas entre maratonianos e relevistas. O percorrido, basicamente, constaba de 3 voltas polos arredores do río Miño, nun circuíto mixto (area, terra, pedras, asfalto, cemento…), en bastante mal estado polo efecto da auga e do paso dos corredores, que sumado aos ríos de auga de chuvia, o facían moi duro para as pernas, que xa bastante tiñan con asumir a distancia e a acción da propia auga nos músculos.
Percorrido
Percorrido Virtual
Percorrido Virtual
A nosa idea era a de ir todos os maratonianos ao mesmo ritmo (agás Manolo, ao seu ritmo), ata onde cada un chegase. E así o fixemos ata o medio maratón, momento no que Miguel se foi separando progresivamente de Pepe e Dani, terminando correndo a un ritmo algo por riba do prefixado ao cascarlle o gps (para mirar o ritmo e o crono), correndo a segunda metade da carreira exclusivamente por sensacións.
Ao final grandísima satisfacción á chegada á meta, onde se podían apreciar os eloxios do público polo “atrevemento” tal como estaba o día, e sobre todo polas felicitacións dos nosos compañeiros relevistas. Pouco a pouco foron chegando Pepe, Dani e Manolo, coincidindo con Miguel no grao de satisfacción polo feito e xa digno de contar, como facemos aquí no blog. E máis aínda se temos en conta que na meta nos esperaban numerosos agasallos e boa comidiña para recuperar (criollos, salchichas, xamón, queixo…).
Non podo deixar de dar as grazas aos nosos relevistas que a pesar de todo gozaron do circuíto e nos axudaron e arrouparon moito todo o día. Un millón, rapaces.
Pronto iniciaremos novos retos, xa que isto non remata aquí. Ademais este mes espérannos un bo número de carreiras nas que habemos participar antes de rematar definitivamente a tempada 2009-2010.
Clasificacións:
Oficial individual aquí
Oficial relevos aquí
Os nosos:
Fotos e vídeos:
[Amosar/Ocultar]