martes, 10 de maio de 2011

Atletismo: X Media Maratón Ferreirúa

O domingo cita do Noitebra coa inigualable X Media Maratón de Ferreirúa. Debido aos compromisos do equipo en O Pino no día anterior só participou Miguel, pero acompañado do bo de Fleky que iniciaban o longo camiño sobre as 7.30 h. da mañá para facer case dúas horas de camiño ata a Pobra de Brollón.
 
Foto grazas a Gely

O encanto desta carreira reside na dedicación, cariño e trato dos organizadores dunha pequena aldea como é Ferreirúa, que no día da carreira ten máis atletas que habitantes, convertendo o evento nunha auténtica festa. Así mesmo realizan numerosas carreiras, en diferentes categorías e distancias, incluíndo unha modalidade curta de algo máis de 9 km e a propia media maratón, na cal participamos.
 

 
A contorna, plenamente rural, fan do percorrido un dos valores engadidos da proba, e iso a pesar da dureza do perfil do mesmo, que se fai notar co paso dos quilómetros.
 
 
Con puntualidade exquisita arrincábamos ás 11.15 h. cun clima que nos concedeu unha tregua coa choiva e o vento para premiarnos cun día semi-nubrado e cunha temperatura duns 13 graos, moi propicia para competir. Logo xa viña outra historia: levar o mellor posible as dúas voltas e un cuarto ao circuíto onde xa nos esperaban as xentes do lugar para animar de principio a fin a todos os participantes.

En canto á carreira, moitos saímos a ritmo vivo na primeira metade da carreira (polo clima, pola animación na saída...) para logo ir regulando o esforzo ante a dureza do que quedaba ate o final.
Na chegada, moito público recibíndonos (alí dende a primeira hora), e un bo avituallamento para recobrar forzas, e sobre todo as pernas lastradas tras rematar os case 3 últimos quilómetros subindo.
Finalmente ducha, pinchos, charla co “xefe da organización” e entrega de trofeos, onde o noso veciño do Castiñeiriño, Carbelleira, pillou cacho na categoría dos sesenta e tantos.
Foto grazas a Gely

Sensacional carreira do noso amigo Fleky (1:25:20, cun promedio de 4:03 o km) que ía camiño de marca persoal (e iso que non adestra, di el) se non fose polo esforzo final e pequenas molestias musculares.
 
 
 
Foto grazas a Gely

Miguel, lastrado dende hai semanas pola carga de adestramentos, logrou rematar enteiro da tortura mellorando en case 3 minutos a marca do ano anterior (1:28:48, cun promedio de 4:13 o km). Iso si, cunhas buxainas de aquí a mañá nos cuadriceps, ademais de ter diferentes detalles en carreira (carga nun xeonllo, flato, etc.).

 
 
 Agora toca descansar e xa asoma outra media maratón na Coruña o próximo domingo.

Mañá mércores, especial sobre os nosos en O Pino.

Instagram

Patrocinadores

Arquivo