sábado, 1 de decembro de 2012

Atletismo: Resume da tempada 2011-12

Un ano máis chega o momento de facer un breve resume do que foi a tempada 2011-12 na sección de atletismo do Noitebra. Sen dúbida, este ano atlético serviu para continuar facendo forte o equipo e, sobre todo, para ter xa certa presenza no panorama do running galego.

Nacho Liñares co seu diploma. Foto grazas a Ángeles
Na noite do venres celebramos a xa tradicional cea da sección, onde aproveitamos non só para compartir un bo momento entre a grande familia que estamos a formar, senón tamén para lembrar de onde partimos no seu momento e a onde chegamos a día de hoxe, facendo unha pequena cerimonia para entregar as mencións de honra para atletas do equipo que o levan dando todo dende os inicios, que se teñen convertido xa nos referentes do Noitebra F.C. Atletismo, e que sen eles isto non sería o mesmo.


Tradicional foto de equipo na Pedestre de Santiago (2012)
Nacho, Félix, Fernando, Manolo e Pepe, foron os galardoados como auténticos pilares básicos do equipo, que día tras día tiran do carro da sección tanto no plano deportivo como no organizativo.
Un ano no que o calendario federado se nos quedou pequeno, tendo (case igual que o ano pasado) representación do Noitebra en case 80 carreiras ao longo da pasada tempada que vén de rematar no mes de outubro pasado.

Pero, ademais da cantidade (nº de carreiras, participantes nos adestramentos de grupo en San Lázaro), este ano foi o da calidade, reflectido nos resultados dos nosos tanto a nivel individual como no plano colectivo. Xa perdemos a conta das veces que Puri subiu ao podio, pero aínda así non esquecemos o seu título de campioa absoluta de carreiras federadas de montaña (Esgos) ou os subcampionatos galegos na súa categoría na modalidade de cross e tamén nos 5 km en ruta, entre moitas outras premiacións case que en todas as distancias nas probas de fondo.
Relación aproximada de carreiras 2011-12

Mencionar tamén, como case sempre, a Abel e Pepe, que mesmo chegaron a compartir diferentes podios na súa categoría en diferentes probas populares...ou a Jose, traballador incesante en en constante progresión...

E a nivel colectivo non podía ser menos. O Noitebra tivo diferentes premiacións (Ferreirúa, Cacheiras, O Barco, Lestrove...), tendo en conta, entre outros méritos, o feito de ser un dos equipos con maior nº de participantes en Negreira, e, en especial, o primeiro no podio do circuíto de carreiras de Santiago de Compostela (CorreSan) na súa primeira edición, quedando xa gravado o feito na historia desta proba celebrada na nosa casa.

Chega unha nova tempada e xa están planificadas novas metas, como, por exemplo, seguir medrando dentro do marco da mesma filosofía que nos fixo nacer: xuntarnos entre amig@s para adestrar e gozar das carreiras por Galicia adiante. Os novos obxectivos e liñas a seguir traen moitas novidades no plano organizativo que, nesta tempada, buscan premiar aos membros do equipo que máis participen, sen caer no erro de ter só en conta aos que teñen as condicións e a sorte de representarnos con frecuencia enriba do podio de diferentes probas.
Neste mesmo senso, seguiremos apostando pola idea de equipo e continuaremos fomentando non só a participación en competicións que dispoñan desta modalidade senón tamén que os nosos noitebros cada día se sintan máis identificados co noso escudo e cores e os leven con orgullo alá por onde vaian.

Un ano máis, queremos dar grazas a todos os atletas que compoñen esta gran familia polo voso esforzo e dedicación, así como tamén ás vosas propias familias que vos apoian dun ou doutro xeito nesta tolemia de correr polo simple feito de facer unha actividade saudable en equipo.

Agradecemos a todos os colaboradores o ter apostado por nós, coas súas prestacións para atletas e soci@s, e, en especial, un ano máis, mencionar a SADEGA, que en plena crise segue dándonos o sei apoio incondicional a modo de patrocinio.

Damos tamén a benvida a novos patrocinadores como 39 Segundos e en especial a todos os novos atletas que vos queredes sumar este proxecto socio-deportivo (Ángeles, Anxo, Amador, Gonzalo, Vanessa, Arantxa, Ramón, Daniel, Jesús, os dous Jaimes, Juan... e todos aqueles que aínda están por chegar). Esperamos que este sexa un ano estupendo e gocedes do equipo que temos montado, xa que sen vos, pois no sería isto mesmo: un equipo.
Éxito do Noitebra no CorreSan

Rematar felicitando tamén a chegada á sección, como directivo (xa de forma máis que oficial) de Fleky, que se une á labor feita xa por Manel e Fran. No caso deste último, agradecerlle ese esforzo especial realizado co equipo logo da chegada de Pedriño á familia do Noitebra. Logo o veremos cunha camisola laranxa nas carreiras dos pitufos...

Pouco máis que dicir a estas alturas... bueno si, VAMOS NOITEBRA!!!


Miguel Nogueira
Director da sección de atletismo

Patrocinadores

Arquivo