xoves, 14 de febreiro de 2013

Atletismo: 3ª Carreira do Cocido, Lalín (FGA)

O pasado domingo, nun día propio desta época estacional, tivemos representación noutra carreira do calendario da FGA. Nesta ocasión tocaba a Carreira do Cocido en Lalín.
Gonzalo Silva na chegada a meta. Foto: correro
Amador, Raúl Iglesias, os isrmáns Pepe e Puri Bermúdez, e Gonzalo Silva serían da partida. A continuación a crónica feita por Amador Pena:

Nova proba popular o pasado fin de semana, esta vez os Noitebros desprazámonos ata as terras do Deza, para participar na III Carreira do Cocido de Lalín.

Foto: correro
Cinco membros do equipo fomos desta vez os valentes que nos enfrontamos as inclemencias do tempo, xa que dende primeiras horas da mañá a choiva non daba tregua, unha choiva mesturada con moito frío e algo de vento para resultar todo nunha combinación á que engadimos un percorrido bonito á vez que duro.

A liña de saída permanecía valeira a falta de dous minutos para iniciar a proba,xa que os corredores permaneciamos abrigados debaixo das cornisas ata o último intre, intentando que as pernas non quedasen conxeladas.

Foto: correro
Saída con 100 metros de pequena subida para xa afrontar 2 km en baixada ata un paseo fluvial con firme de terra, barro e varias pontes de madeira que cortaban un pouco o ritmo. 6 km por este paseo no que Daniel Bargiela, gañador da proba poñía xa moita terra de por medio co resto de participantes, logo de dar e recibir ánimos entre os participantes, xa que nos cruzabamos polas beiras do río. Comezamos a subida polo mesmo percorrido que baixamos. 2 km acompañados por momentos de rachas de aire que parecía que non avanzabas por moito empeño que puxeras.

Non foi un 10k para mellorar marcas, pero os nosos moi ben coma sempre, con outro podio logrado por Puri, esta vez na segunda posición da súa categoría.

Foto: J. Carreira
Persoalmente paguei o feito de facer unha baixada demasiado rápida, quedando con menos forzas das desexadas para afrontar o resto da proba, indo de máis a menos, e por riba cun cordón desatado, sorte que me puiden enganchar á gañadora feminina da proba, Yolanda Gutierrez, durante a subida, e así poder manter un ritmo constante.

Cabe destacar a boa organización desta carreira, con camiseta, duchas preto da meta, froitas varias, auga durante o percorrido, aquarius na meta, e unha gran carpa para refuxiarnos do mal tempo.

Repetiremos na próxima edición.


Percorrido e perfil

Percorrido
Perfil

Clasificacións

Os nosos

Fotos e vídeos

Instagram

Patrocinadores

Arquivo