xoves, 18 de xullo de 2013

Atletismo: CorreSan Cidade Vella (FGA) e I Carreira Popular de Ventorrillo, A Coruña (FGA)

Outra fin de semana atlética para o Noitebra, destacando a participación dos nosos en dúas carreiras do calendario galego da FGA. Por una banda vivimos una auténtica festa coa Carreira Nocturna do CorreSan Cidade Vella o sábado, e o domingo tivemos tamén representación na I Carreira Popular de Ventorrillo na Coruña.
Foto de grupo na Quintana. Por xentileza de R. Picón
En ámbalas dúas probas obteríamos postos de podio a nivel individual personificados en Amador Pena e J. R. Abel.

Foto: R. Picón
A noite do pasado sábado e cun clima case que inmellorable, celebrouse a terceira proba do circuíto do Corresan,  Nocturna da Cidade Vella, celebrada na zona vella de Santiago. Grandísima ambientación en canto a público, participación e tamén polo espectáculo montado na Praza da Quintana, bonito para algúns, superfluo para outros... O caso é que os ingredientes estaban postos para gozar cunha carreira que xa se presupoñía rápida polo vivido o ano pasado. Os atletas do Noitebra non o querían perder, e iso a pesar das datas vacacionais (para algúns) e día de praia. Moito laranxa pois polas pedras de Santiago.

Foto: R. Picón
Quecemento coas rúas libres para os atletas, pola noite...cun encanto especial por ter lugar na zona vella e onde calquera de nós se convertía en protagonista de cara ao espectador, con Pedro Nimo animando o cotarro e buscando ao portador da súa mochila, que coma se dun noitebro se tratase, estaba máis centrado en tomar unhas cervexas no bar que en facerlle apoio loxístico a este atleta internacional. Fose como fose, e por tratarse de quen se traba, deixárono correr a pelo, sen dorsal para salvar a saída puntual a ritmo de vídeo motivante (??) e música electrónica. E o dito. Saída a lume total tipo San Fermín para facer unha carreira de pouco máis de 4 km (medido con roda, uns optimistas 4,3 km) con tramos compartidos pola zona vella e a alameda compostelana (ben escarallado o firme, por certo).

Foto: R. Picón
Como era de esperar, gañaría a carreira Pedro Nimo, sendo a primeira muller Carla Castaño. Nos nosos houbo de todo. Dende quen foi a saco ata quen foi de paseo. Todo valía nunha noite tan especial. Destacar unha vez máis o logro de Amador, que logrou facer 8º da xeral, e 3º na categoría. Grazas a que a carreira formaba parte tamén do circuíto de carreiras da Deputación de A Coruña, tivo recompensa cunha medalla no podio, acompañando ao internacional Nimo. Logo, chegada constante de laranxas á meta, moitos deles case que apiñados en marxes de pouco máis de 30 segundos duns a outros. Non esquecemos que correría coas nosas cores e escudo Diego Alende (os Alende teñen canteira propia), que faría 1º na categoría xuvenil. Tamén andaría a moi bo ritmo o sobriño de Óscar Valle, que quedaría ás beiras do podio na categoría promesa. Con anterioridade á carreira absoluta tamén teríamos a Walter competindo na carreira cadete, que chegaría entre os 15 primeiros.
Foto: Juanma Mata

En definitiva noite máxica en Santiago, cunha organización de case 10, con moita xente animando pola rúa, e en particular ao Noitebra, destacando entre o público a xente coma o Presi, Manel Mallo e outros coñecidos do club. A ver cando se suman ás carreiras!!




Ao día seguinte dobraba J. R. Abel na I Carreira Popular de Ventorrillo, na Coruña. A continuación vos achegamos a crónica que nos enviou sobre a súa experiencia nesta proba:
Acudín despois de anotarme a última hora sen moitos folgos, aínda coas pernas cansadas da noite anterior na Nocturna,pero xa lle prometera á familia que estaría na carreira do barrio onde eles residen.
Foto: Cecebre
A proba constaba dun recorrido de 4.760 m de dúas voltas ao Ventorrillo, con saída costa abaixo que xa separou ao grupo, para logo acabalo de esparexer na subida. Fun prudente na primeira volta por saber si o corpo aguantaba, pero entre os ánimos da familia e vendo que a todos nos chegaba o conto funme animando pa afrontar as dúas voltas de subida pola Silva e Penamoa en terra (onde fai moi pouco era intransitable polas chabolas e hoxe xa recuperado o terreo para gozo dos veciños), para despois acabar en forte baixada que se cadra doian máis as pernas aínda...

Despois do cansazo e calor, contento por acabala e cunha recompensa do 3º posto na categoría. Desta vez tiven a sorte que noutras me faltou, sempre roldando o 4º posto...

Foto: AA.VV Ventorrillo
Gañarían a proba os de sempre, Manuel Oliver Pérez González (16:37) do Coruña Comarca e Paula Mayobre González (17:10) do Bikila.

Como nova carreira ten pequenos puntos a corrixir: non estaban sinalados os kilómetros e só nos deron unha pequena auga. Ben na entrega de dorsais e puntualidade na saída.

Quero agradecer á peña familiar que estivo apoiando en todo momento, vaia para eles esta medalla.
Para o ano espero que sexamos máis da partida nesta carreira pequena pero esixente.


Clasificacións
Os nosos

José R. Abel. Posto xeral: 41; Posto categoría: 3º; Tempo: 19:40; Ritmo: 4:08/km
Nº de atletas que finalizaron: 268

Fotos e vídeos
Fotos e vídeos Corresan Cidade Vella: Correr en Galicia
Vídeo Corresan Cidade Vella:  Deportes Santiago
Fotos Ventorrillo: Correr en Galicia
Vídeo Ventorrillo: Championchip Norte (Youtube)

Instagram

Patrocinadores

Arquivo