luns, 15 de xullo de 2013

Novas no club: ata logo F.C., novos proxectos e remodelacións varias...

Comezos do Noitebra na tempada 2000-2001
Logo de pasar un tempo dende que a sección de fútbol pechase a súa tempada, quedaba por facer unha pequena reseña do que foi o ano, e anunciar o que xa a meirande parte dos socios e simpatizantes xa coñecen a día de hoxe, que non é outra cousa que o cese da actividade futbolística por parte do club ata a existencia dun novo proxecto en firme.

E tiña que ser nesta 13ª tempada consecutiva competindo cando se di "ata logo" ao fútbol. Cun equipo capitaneado por Rubén Moñino e Carlos Taboada, baixo a dirección de Martín Bautís, que estivo na pomada pola promoción de ascenso á superior categoría boa parte do ano.


Atrás quedan as orixes e mesmo a creación das categorías inferiores (xuvenís) como froito do esforzo dun grupo de bos amigos. As dificultades que se foron presentando nos últimos anos fan pechar temporalmente esta sección que nos deixa moitas anécdotas, e que abofé que serán lembradas nun posible evento de homenaxe que se celebrará en próximas datas se nada se trunca.

Estes cambios no club afectarán á Directiva, que nos próximos meses sufrirá modificacións, coa probable saída da meirande parte dos que se esforzaron por levar adiante nos últimos anos o equipo de fútbol. E non nos podemos esquecer de todos os xogadores que pasaron polo equipo, en especial aos do último ano, que traballaron con moita ilusión por seguir adiante nuns tempos moi complicados para todos. A todos, grazas pola vosa a axuda, por representar as nosas cores e seguro que seguiremos contando convosco como amigos e simpatizantes que seredes do club, se é que non seguides connosco noutras facetas.

Entre estas outras facetas poderían estar ás vinculadas á sección de atletismo, que afortunadamente continúa con paso firme ano tras ano, ou quen sabe se noutros novos proxectos dentro doutras disciplinas deportivas. Xa se sabe que cando unha etapa remata, comeza outra, e no Noitebra estanse dando os pasos para acoller novas iniciativas que, se chegan a bo porto, pronto serán comunicadas no blog.

En próximas datas tamén se informará dunha remodelación na xestión da sección de atletismo, que implicará certos cambios a nivel directivo, pero sobre todo a nivel executivo, logo de que Miguel A. Nogueira (Pirri) vaia cesando transitoriamente nas funcións que viña asumindo como Director Técnico (continuará na tesourería do club) por motivos, sobre todo, relacionados coa súa dedicación profesional. Foron 5 anos cheos de ilusión e traballo case que unipersoal que darán paso a unha nova etapa de xestión máis descentralizada e cooperativa entre todos os responsables do equipo de atletismo, e que mesmo suporá a integración de novas caras en prol da mellora da eficiencia do equipo e do club en xeral.

Como vedes, verán de ruxe, ruxe no Noitebra, con actividade plena nos "despachos".

Continuaremos informando.

Instagram

Patrocinadores

Arquivo