sábado, 13 de xullo de 2013

Atletismo: Campionato Galego de 5km en ruta (FGA) e V Carreira Popular do Concello de Cambados

A pasada fin semana o Noitebra tivo presenza en dúas citas atléticas moi condicionadas pola vaga de calor. O sábado pola tarde estariamos no Campionato Galego de 5 km en ruta celebrado en Ribeira e o domingo pola mañá na xa clásica Carreira Popular do Concello de Cambados, que vai pola súa 5ª edición.
Jose e Amador en Cambados. Foto: Vivir Cambados
A calor foi demoledora véndose afectadas as marcas persoais nuns circuítos moi propicios para rachar o crono.

Noite mareante en Ribeira, cuns 30 grados, para disputar o Campionato Galego de 5km en ruta (FGA). Unha pequena representación do equipo fixo acto de presenza no que sería un dos últimos campionatos federados en ruta da tempada á falta do de media maratón.

Case que sobraba o quecemento do bochorno que facía. Con todo, esperábase unha carreira moi rápida polo perfil do percorrido e pola distancia en si mesma. E así foi. Saída a saco total nos primeiros 500 metros para logo ir canda un ao seu, e sempre un pouco por riba do previsto no caso dos atletas que ían a por marca.

Para algúns foi unha carreira agónica dende o inicio por non dar entrado en ritmo, e para case que a maioría (salvo os que foron a rodar), foron os últimos dous km os que pasaron factura, polos efectos da calor, xa que na parte final non había brisa de cara para refrescar, e o asfalto parecía un forno que abrasaba. Agradecemos moito os enormes ánimos de Shaila a pé do circuíto, pero esas alturas case que fose mellor tela tirándonos caldeiros de auga para estimularnos, xa que era o punto onde comezaba a tortura. Deste xeito, non se podían esperar logo virguerías nas marcas, pero aínda así cremos que non defraudaron vistas as condicións de partida.
Foto: Portela MTB

Na chegada puidéronse ver ben os estragos da carreira. Case que parecía que era o final dunha media maratón ou maratón coa xente ciscada polo chan, buscando refrescarse como fose. Afortunadamente, que nós saibamos, non houbo que lamentar ningún percance.

Gañaría a carreira e campionato Rafael Fuentes, e nas mulleres o faría Paula Mayobre.
Nos nosos, todos debutaban nun campionato desta distancia, con poucas referencias a ter en conta na maioría dos casos. E o saldo foi bastante positivo a nivel individual, aínda que o alto nivel (sen xente de elite, pero cos boas marcas en xeral) fixo que non se reflectise na clasificación, salvo no caso de Belén, que remataría 3ª na súa categoría no campionato federado. Felicidades!

Ao final entrega algo liosa de medallas na carreira e campionato nunha noite cálida de máis para un evento correctamente organizado, pero cun prezo moi alto para o atleta popular a cambio dun simple avituallamento de auga e laranxas ao final, pero iso si, coa oportunidade de competir entre os mellores federados da nosa terra.

 
Ao dia seguinte pola mañá tivemos tamén representación na V Carreira Popular do Concello de Cambados, de 10 km de distancia nun perfil plano e este ano homologado logo de efectuarse unhas variacións básicas no circuíto, case non detectadas polos atletas polo que que nos consta.

Foto: moses
A pesar da calor, a xente non renunciaba a bater marcas persoais, pero non era o día, e así quedou demostrado. Incluso moitos atletas se viron obrigados a abandonar na última volta (eran 3 en total) polo tremendo esforzo que supuña correr por riba dos 30 grados. No foi o caso dos nosos que aguantaron ata o final, pero coas marcas minguadas sobre o previsto. Con todo foron sensacionais.
Foto: moses

No obstante, nos consta por xente que dobrou o día anterior en Ribeira, que a sensación de calor foi menor en Cambados, polo simple feito de que aínda o solo non abrasaba ao ser a carreira pola mañá. Sen embargo sería a distancia, sumada ao ritmo, a que provocaría a agonía final. Sorte que a organización tiña moi previsto o tema e facilitou que todo o mundo se refrescase non só na meta, senón tamén en cada volta ao circuíto.
Foto: moses

Gañaría a carreira Pedro Nimo, sendo a primeira rapaza outra vez Paula Mayobre.
Nos nosos, o dito, moi boas marcas a pesar da calor, con Jose e Amador entrando moi ben situados na xeral.

En definitiva, uns 10K xa homologados e propicios para marca se non fose que sempre cadra en pleno verán, con calor, de aí que noutros percorridos como os de Padrón ou Sarria, por exemplo, seguramente sexan onde sexa máis factible dito obxectivo.

Próxima cita de relevancia para o club: 
CorreSan Cidade Vella, sábado 13 de xullo, ás 23 h. (carreira absoluta).

 

Os nosos en Ribeira
 
Os nosos en Cambados
 
Fotos e vídeos
Fotos Ribeira: Correr en Galicia
Fotos Cambados: Correr en Galicia
Vídeos de Cambados: Correr en Galicia e Championchip Norte (Youtube)

Instagram

Patrocinadores

Arquivo