venres, 5 de xullo de 2013

II Carreira Sendas do Sil (FGA) e I Carreira Popular do Concello de Touro (FGA)

Tórrida mañá de domingo con dúas citas competitivas para o Noitebra: II Carreira Sendas do Sil (FGA), no Barco de Valdeorras, e I Carreira Popular do Concello de Touro (FGA).
Gonzalo en Touro. Foto: Facebook
Poucos atletas do equipo se atreveron a desafiar as altas temperaturas, pero trouxeron para casa cadanseu galardón. Máis non se pode pedir.

Comezamos co cita de máis lonxe en distancia, a II Carreira Sendas do Sil, no Barco. 

Miguel en Valdeorras. Foto: Erik Alfonso
Miguel Nogueira sería o único participante do club, logo de que algúns interesados desbotasen acudir nos últimos días (permitíase a inscrición in situ o mesmo día da carreira). E case que queda na casa, e non por gañas, senón porque o espertador lle xogou unha mala pasada. No obstante, ao non depender de ninguén para a viaxe, e ter aínda tempo máis que suficiente, chegou ao lugar de destino logo de dúas horiñas de camiño con tempo abondo para recoller o dorsal, a bolsa do corredor e mesmo para compartir uns momentos con Javier (xefe de Fernando Antelo) e Pablo Feijoo, que nos nutriu de numerosas fotos personalizadas do evento.

Foto: Pablo Feijoo
Este ano, o noso atleta, por precaución ante problemas físicos, quedaríase competindo nos 10k en lugar de facer os 20. Con todo, nesta edición subiría o nivel en ambas probas, especialmente na longa, coa presenza de “Huracán” Hurtado logo de 5 meses sen competir, así que tocaba andar fino.
   
Quecemento inicial (máis ben espabilación polo madrugón e viaxe), e con case 20 minutos de demora por problemas técnicos co arco inchable e peche do tráfico, arrincamos un pouco antes das 11 h. todas as probas de forma conxunta (incluídos os 5k para os cadetes e xuvenís, cun total aproximado de 90 atletas ben repartidos); e todos detrás de Hurtado, ou polo menos intentándoo... uns metros. 

O podio en disputa. Foto: Erik Alfonso
Miguel case que se queda descolgado do grupo de ritmo alto na primeira curva, pero tocaba apretar para tantear posibilidades. Escaparon por diante varios atletas de todas as modalidades a un ritmo endiañado (fixéronse os primeiros 3k polo aire, e sabendo que a segunda parte do circuíto sería a máis dura). E pouco máis se puido facer. Pronto os postos se foron determinando nas dúas distancias absolutas, correndo case que todos sos nos 20k e mesmo o 1º dos 10k se distanciaría e rendibilizaría a vantaxe lograda na parte rápida da carreira. Por detrás, en plena disputa e todos moi xuntos do 2º ao 4º, entre os que se atopaba Miguel.

O podio final. Foto: Pablo Feijoo
Na parte dura sería onde pasarían factura os ritmos altos do comezo, e a pesar de que este ano as modificacións do percorrido o facían máis suave, os efectos xa da calor e o terreo inestable por causa das choivas dos últimos meses foron mermando as forzas. Miguel, a pesar de competir o día anterior, veuse beneficiado desta situación de baixada de velocidade, asimilando algo mellor a temperatura e mantendo un ritmo algo competitivo nas zonas do río, comezando a gañar distancia con respecto ao 3º na nova baixada entre os viñedos. Chegada en 2º lugar cunha pequena vantaxe sobre o 3º, e dando as grazas porque a distancia se quedara en escasos 9,7 km, xa que malia non estar aínda a 30 graos, o sofocón final foi importante. Mágoa non estar en forma para poder encarecerlle a vitoria ao 1º, Miguel A. Piñeiro.

Ao final, avituallamento, ducha e a esperar a que todos finalizasen. A destacar que Manuel Hurtado gañaría con moita facilidade a proba longa, e sen suar (Miguel dá fe deste detalle).

O trofeo
Recollida de trofeos de lousa, por non variar nesta carreira, fotos e máis fotos, e de volta para casa a uns 34 graos á sombra (menos mal optar polos 10K). Este ano resultaría todo moito máis rápido ao non haber comida no río, e iso que si que estaba propicio para bañarse en comparación co ano pasado. 

Carreira, pois, diferente, cada vez mellor organizada, moi bonita e rendible sobre todo se se fan os 20K, aínda que a calor e a distancia dende Santiago sempre serán factores que estarán enriba da mesa.


Sobre a I Carreira Popular do Concello de Touro, noticias inmellorables para o club.

Foto: Puga
Poucos participantes do noso equipo e en xeral (remataron uns 100 atletas), pero respondendo á chamada da organización (hai que ter en conta que o sábado tivemos moita actividade), asistindo Gonzalo Silva e J. R. Abel, que farían pleno de premiacións e vindo de competir tamén a tarde do sábado. Gonzalo dobraría podio do día anterior en Santiago, para, neste caso, gañar na súa categoría e rematar 5º da xeral. J. R. Abel sería 3º na categoría. Mellor case que imposible. Felicitacións para os dous!
Foto: Puga

Carreira, a de Touro, de 10k, con perfil duro, agravado pola calor do domingo. Con todo, boa organización, cos problemas típicos dunha primeira edición, pero xa temos unha opción máis para competir preto da casa.



Próxima cita de relevancia para o club: Campionato Galego de 5 km en ruta, o sábado ás 22h. en Ribeira.



Percorrido e perfil de O Barco

Percorrido 10 K
Perfil


Perfil con porcentaxes de desnivel







Clasificacións
Miguel Nogueira. Posto xeral: 2; Posto Categoría: 1; Tempo: 37:39; Ritmo aprox.: 3:54/km.  
Chegados á meta nos "10K": 39.

Os nosos:
Gonzalo Silva. Posto xeral: 5; Posto categoría: 1; Tempo: 39:18; Ritmo: 3:56/km.
J. R. Abel. Posto xeral: 28; Posto categoría: 3; Tempo: 43:09; Ritmo: 4:19/km.
Chegados á meta: 101.

Fotos e vídeo

Instagram

Patrocinadores

Arquivo