luns, 26 de maio de 2014

24 Horas Santiago BTT


Velaquí o resumo da proba de resistencia de 24 horas, onde o equipo de BTT do Noitebra ó completo (Martin, Miguel Anxo, Fer, Jorge) asistiu este pasado 10-11 de Maio polos arredores do Monte do Gozo en Santiago de Compostela.



Vista de paxaro do recorrido da proba.

Nos días anteriores a proba dende a organización aseguraban un circuito duns 13-14 km con apenas desnivel, pero a hora de verdade, podíase dividir en dous o circuito, unha parte de baixada rapida, e a outra metade cunha longa subida previa a chegada a meta onde poder rodar con calma.


A proba a abriria o compañeiro Miguel Anxo, e velaquí as suas impresións da proba:


Todo preparado a minutos da saída



"Tiven a honra de arrincar a competición co meu primeiro relevo para o Noitebra, logo de certos nervios por non meter a pata (colocación do chip, dorsal, controlar a zona de transición, etc.). O noso compañeiro Martín tivo o oportunismo de deixar inmortalizado o acto de saída onde nos mandaron situar aos relevistas de equipos de 4 na cabeceira, polo que se me vía ben coa laranxa (falta pouco xa para a equipación de BTT).


E xa!! Saída a certo lume, xa na primeira volta, e a saber de cantas para o equipo, inda que o meu tanteo individual era facer as catro primeiras, máis ou menos dende as 12 ata as 15 h, dun tirón. Sabíamos que a nosa estratexia non era a mellor, pero era o que había segundo a nosa dispoñibilidade.
Pronto fun corroborando que o perfil non ía ser tan chan como se anunciaba, xa que tocaba afrontar baixadas que logo habería que subir, claro. Como anécdota, nada máis arrancar e saudando a Mark Losada, case me esnafro na area que había nunha das subidas do recinto do Monte do Gozo. Xa de inicio tocou facer tamén o único punto conflitivo nunha baixada ben fermosa por un camiño, case roleiro, onde se afuciñaba con facilidade, pero supereino con éxito nas tres primeiras voltas, salvo na cuarta, que estaba xa moi escarallado, polo que decidín tomalo con xeito, a pé.

A primeira parte do percorrido, ata o control na parte máis baixa do circuíto, transcorría por camiños, corredoiras, estradas, con perfil favorable, o que facía manter unha media relativamente alta, e que axudaba a quentarse, sobre todo ao coincidir con pequenos grupos. Logo do control, onde o Rego de Aríns, tocaba ir subindo pouco a pouco, ou non, xa que en certas zonas había subidas certamente empinadas, e outras non tanto, pero condicionadas polas pedras que facían perder impulso.

E así fun facendo camiño de volta ata Bando de Arriba, onde algún gracioso nos trocou os sinais alá pola segunda volta, o que podía dar lugar a perderse, inda que eu creo que quen soubese un pouco por onde ía, mesmo podía atallar e tamén esquivar unha subida. Xa en Bando de Abaixo tocaba subir, boa parte por asfalto, onde o campo de fútbol, ata chegar xa ao Gozo, onde se podía recuperar indo a saco polo interior do recinto do Monte, o que valía para lucirse un pouco no final da volta, completando uns 11,3 km aproximadamente, menos do indicado pola organización. E menos mal!!
Como era de supoñer, a primeira volta saíume moi rápida (a un promedio de 19 e pico por hora) para o pensado inicialmente, e a cabeza dicía, “inda queda moito”, polo que levantei o pé nas outras voltas, aínda que, a dicir verdade, na cuarta volta xa ía certamente queimado, polo esforzo, pola fame, polo calor, e xa molestaba cada pedriña que me freaba. Facíame o relevo Martín. En xeral, quedei contento co feito, deixando ao equipo en segundo lugar eventualmente, pero con certo medo do que me podería pasar na segunda quenda nocturna.

En teoría tocábame facer esta segunda quenda das 24 ás 3 da mañá, pero diferentes circunstancias, en especial os problemas mecánicos de Fernando, fixéronme estar disposto a anticipar os relevos, e mesmo variar a estratexia. A clasificación xa se ía complicando por ditos problemas, pero aínda faltaba moito. Logo de chegar Fernando da súa segunda volta, case que en frío, e sen apenas ter ceado, tocoume facer dúas voltas máis (a 13 e 14 do equipo), mentres este ía por outra bici. Agora o percorrido esquivaba o camiño do roleiro (seica caera alguén e case se escangalla), polo que había que facer uns 350 metros máis de volta, e acumulando algo máis de subida. A fame fixo acto de presenza na segunda volta, pero por sorte xa estaba Fernando listo para saír no relevo. Aínda así, para ser xa de noite, non estivo mal o ritmo, cunha temperatura caralluda para dar caña. Iso si, ía provisto dun potente foco sobre o casco, cunha luz que chegaba máis lonxe que as longas do coche!! Xa vos digo que foi unha experiencia única poder dar caña nas baixadas como se fose de día, jejeje.

Antes de facer as miñas dúas últimas voltas, e a pesar de que sabía que ía ser difícil xa a remontada na clasificación, quixen dar todo o que me quedaba, e logo de tomar uns cafés para non durmirme na espera e entrar en calor (facía fresquiño xa), saín bastante a saco (voltas 17 e 18), para meter o medo no corpo aos rivais, que nos tiñan controlados en todo momento, a pesar da vantaxe e das horas da noite. Pero xa as forzas non eran as mesmas, e non tiña xente de referencia no percorrido (fíxenas completamente só, imaxinádevos, por aí no medio do monte, jejej). O bo era que xa vía cerca a miña meta. O malo, o cansazo, por non durmir nada pola tarde e non cear en condicións, e tamén que na última volta quedei sen o frontal da cabeza ao rematar a batería. Menos mal que me pasou nunha subida. Vos imaxinades que me pasa nunha baixada a case 50 km/hora? Por sorte tiña aínda de reserva a lanterna do manillar, pero xa non era o mesmo e tiña que ir máis a xeito. Ademais desta anécdota do frontal, dicir que ía tan escarallado na última volta que falaba só maldicindo cada pedra que me freaba nas costas arriba, jajaj.
Cheguei á meta algo fundido, pero mantendo unha media próxima aos 16 km/h, e “sanseacabó” pola miña parte, coa mágoa de non poder seguir noutros relevos pola mañá, pero ao día seguinte tocaba facer equipo coa sección de atletismo en Ferreirúa. Collía o meu testemuño Jorge Cela, presto e disposto na zona de transición.
A miña valoración da experiencia é inmellorable. Pode parecer unha salvaxada facer 24 horas na BTT, pero en equipos é asequible. Imaxinade os que as fixeron en parellas ou individual, buff!! Se non fose pola estratexia condicionada, as avarías e que tiñamos a tres valentes que viñan de facer a 101 peregrinos o sábado anterior, seguro que estariamos no podio, pero de todo se aprende, e na vindeira edición prometemos dar guerra!!"


Esquivando árbores nas primeiras baixadas

Pola miña parte, eu recibía o testigo de Martin, e conmigo, comezaban os problemas... Na primeira volta, nada mais comezar a primeira baixada forte o peche rapido da roda dianteira saltou quedándose atascado co disco de freo, o que me fixo pensar xa no abandono, pero tras uns momentos de angustia, conseguir desenganchar a peza e comprobar que o disco non tiña danos nin dobreces, axusteino e proseguín a marcha todo o rápido que puiden tentando recuperar o tempo perdido.
Unha vez superada a primeira volta e sabendo xa onde atacar e gardar forzas lanceime en busca de facer un bo tempo, a parte de descenso apurando o máximo nas curvas, e mantendo un ritmo constante durante todo o percorrido ata que a escasos 2 km de rematar a volta un golpe contra unha pedra provoucoume un reventón na roda traseira, a pesar de levar cámara antipinchazos o corte foi considerable e tiven que parar inevitablemente a cambiar a cámara coa conseguinte perdida de tempo (A pesar disto foi a miña volta mais rapida do día con 50 min).
Na terceira volta sumando o cabreo e o esforzo extra por tentar recuperar todo o tempo perdido, tiven que afroxar un pouco o ritmo antes de pasarlle o testigo o compañeiro Fernando.

O meu segundo turno de novo despois de Miguel Anxo, comezaba arredor das 3 da madrugada, e inda que na 101km Peregrinos xa rodara algo de noite, a sensación de estar ti perdido no medio do monte cun par de linterniñas iluminando o chao e tendo os 5 sentidos postos no camiño foi unha experencia increible. 
Estas voltas as fixen a un ritmo tranquilo, inda notábanse os km de Ponferrada e o frío non axudaba, e como no outro turno, de novo cedinlle o relevo o meu compañeiro Fernando.

Resumindo, o circuito tiña de todo, baixadas técnicas, zonas rodadoras a alta velocidade, subidas longas e duras, todo tipo de terreos, sen dúbida un 10 a organización por escoller estes camiños.

E con ganas de volver o próximo ano a dar mais guerra e subir o podio!


 Con cara de poucos amigos tras tanta avería...


A sección BTT do Noitebra estará presenta na II edición da Compostela BTT que se realizará o 1 de xuño, e tamén na II Ruta Concello de O Pino.




Instagram

Patrocinadores

Arquivo