Logo de case una semana,
por fin atopo un momento de certo respiro para escribir unhas liñas do que foi
o noso grande reto coa organización do Trail de Compostela. É difícil decidir por
onde comezar, e habería tanto que contar que daría para un artigo de 20 ou máis
páxinas, pero non é plan. Por iso, comezo polo final. Isto é , destacar o éxito
que conseguimos ter, salvando erros e detalles típicos que asumimos plenamente.
Éxito pola participación. A xente sabía que eramos novatos nisto de organizar carreiras, e para máis un trail polo medio do monte, por riba Campionato de Galicia, nada máis e nada menos. Pero isto non foi mérito noso, se non de todos os amigos, coñecidos, correlegas... e aqueloutros que non nos coñecían pero que confiaron en nós e viñeron facer grande este Trail. Persoalmente non esquecerei a todos os vellos coñecidos que viñestes e aí me teredes para o que poida axudar.
Éxito a nivel de
club, xa que a xente do equipo non fallou no día grande, vindo máis de 20 noitebros
a competir nunha proba que non era fácil. E incluso outros que non podían correr,
alí estiveron axudando. Entre todos fixeron máis grande a celebración do noso 15º
aniversario. Agora xa sabedes. Quedades citados para unha cea no Kratos, que a
festa aínda non rematou. Xa poremos data.
Éxito no plano
competitivo. Por suposto o comentado no parágrafo anterior traduciuse no resultado
por equipos, gañando o Noitebra a proba popular. E que dicir dos resultados individuais?
Impensable o conseguido por un club tan modesto coma o noso. Un motivo máis de
orgullo e que valeu para facernos pensar en que todo o esforzo feito por montar
este trail merecera a pena. Con premios individuais na clasificación popular xa
bastaba, pero os nosos, non sei se hipermotivados por correr na casa e co seu club
como organizador, voou polos camiños do Pedroso, e levamos para casa varias
medallas do Campionato que quedarán para o palmarés e imaxinario do club. J. R.
Abel, Óscar Valle, Jorge García, e, en especial, no podio absoluto, Carlos
Buján, co terceiro posto (e no peto xa o campionato na súa categoría), e Amador
Pena como campión absoluto. Case nada. E cabe dicir que pouco faltou para que el e
Jorge non correran, pero o que vos escribe non quería renunciar a que os que
máis tiraron do carro, gozasen do trail que tantos quebradeiros de cabeza nos
veu dando durante meses. A Jorge, felicitalo e darlle as grazas por parir a
idea e trazarnos o fermoso percorrido que todos e todas puidestes catar. E a
Amador por facer algo case de lenda: traballar coma un tolo durante a última
semana para o trail, estar na montaxe o día previo (ata as tantas) e o propio
día da carreira, ata o punto de arrincar a carreira sen quecer. E vai e gaña o
campionato!! Pero por se fose pouco, rematou facendo de voluntario con labor de
fisioterapia ao resto de corredores, e logo, posterior desmontaxe do tinglado no
Pedroso. E máis cousas que fixo despois, pero iso xa volo conta, se lle
preguntades, o noso colega Xose María ;)

Quero dar as
grazas tamén a todos os equipos federados que apostastes claramente por esta
carreira fronte a outras ben lonxe. Estes detalles son dignos a ter en
consideración no futuro.
Seguro que deixo
sen comentar moitas cousas, e sen mencionar a moitas persoas, pero comprenderedes
que debo resumir. Só facer fincapé en
que trataremos de solucionar en breve o problema que houbo cos agasallos e tan
so deciros, vémonos nas carreiras!!
Miguel A.
Nogueira “Pirri”
Directivo do Noitebra, membro da organización do Trail de
Compostela
Fotos do Trail:
Clasificacións: