luns, 18 de marzo de 2013

Atletismo: XIV Media Maratón Vigo-Baiona 2013 (FGA)

Novo desprazamento en equipo da sección de atletismo do Noitebra á Media Maratón Vigo-Baiona.
Parte do equipo na Vig-Bay 2013. Foto: Mark Losada
Nun día que anunciaban complicado climatoloxicamente falando, por sorte non foi así, e púidose gozar dunha fermosa mañá para competir.

Foto: J.M. Pérez
A pesar da baixa de última hora de Ángeles por lesión, contamos cunha nutrida representación á que cabe sumar a presenza de dous dos nosos ilustres ex-directivos do club como son Richy e Kike.
Viaxe en bus da meirande parte dos noitebros participantes, coordinada por Fernando Antelo, e grazas á colaboración do Atl. Fontes do Sar, que nos acolleu na súa expedición. Chegada á recollida dorsais e agasallos con tempo abondo, e xa só quedaba prepararse para entrar ben en carreira.

Foto: atlantico.net
Cun novo percorrido da proba por diante que nos facía dubidar da súa dureza, arrincamos con puntualidade dende Samil, sen dar a clásica volta pola contorna, dirixíndonos este ano xa directamente cara Baiona. Saída algo viva con moreas de persoas tratando de situarse no seu ritmo óptimo xa dende o inicio, aínda que nesta carreira algúns seguen a pecar no de sempre, isto é, en saír a ritmo de paseo en zonas de xente rápida.


Foto: atlantico.net
Axiña virían as costas arriba que noutros anos eran case que as únicas a sufrir, con algo de obras na estrada este ano, pero que non afectaron ao transcorrer da carreira. E en nada, case sen decatarnos, chegamos ás variacións significativas no tramo de Nigrán, onde a Praia América, cunha subida algo rompedora pola zona do pavillón municipal, logo de baixar cara a citada praia. E despois do paseo da praia chegaba a subida ao Monte Lourido, zona moi fermosa, e por sorte con boa sombra logo do inesperado sol que xa comezaba a cocernos. Aquí as subidas non eran tan temerosas como as pintaban, pero verdade é que quen chegase xustiño de forzas, pois o ía pasar mal. O peor, unha zona de baixada bastante pronunciada que cargaba a saco as pernas. Finalmente retomaríamos o percorrido de sempre, onde tocaba dar tralla, pero foi cando fixo acto de presenza algo de vento en contra (polo menos era fresquiño, para refrixerar, que boa falta facía...).
Foto: J.M. Pérez

Chegada á meta por todo o alto, nunha Baiona ateigada de xente animando dende o último Km que daba alas para finalizar a tope, aínda que seguramente a máis de un esta última parte se lle faría eterna.

Sobre a carreira dos nosos, coma sempre houbo de todo. Puri, sen ter o mellor día, fixo nada máis e nada menos que o 3º posto na súa categoría, con Fernando “al acecho”. Bo dueto de Mallo e Belén, para rematar unha media máis. E moi bo nivel de Fran, Jorge, Mark; Manolo Moure, debutando con moitas gañas na carreira... Xaime Rivas cansado na última parte, pero tamén contento, ao igual que Nacho Liñares, que non acusou demasiado as molestias que fai tempo que o acompañan. E Anxo con gañas de... descansar destas lides fondistas (ben o merece). Miguel Nogueira (un servidor), calcou o plan da Media da Coruña, facendo a segunda parte da carreira máis rápida que a primeira, logrando, sen pretendelo, marca persoal nesta distancia homologada. E non olvidemos a Richy e a Kike, debutantes na distancia. Agora xa saben de que vai isto do fondo... Felicitacións!!!
Foto: J.M. Pérez

En definitiva, un gran día para todos, sobre todo polo clima inesperado, e ao final, avituallamento masivo na meta coma sempre, onde os de sempre fixeron o de sempre. Vamos, que só lles faltou cargar o maleteiro do coche con todo o que daban, sen prensar en que quedaba moita xente por chegar.

Foto: J.M. Pérez
Para uns ducha quente, para outros xa fría, e de volta para Pontevedra, onde nos esperaba unha boa comida recuperadora na casa rural á que adoitamos ir sempre nesta viaxe.

Chegada a Santiago case 12 horas despois da nosa saída, con todo o equipo ben cansado, pero satisfeito coa xornada e sobre todo coa boa compañía.


Percorrido e perfil

Percorrido
Perfil
Perfil con porcentaxes de desnivel

Clasificación

Os nosos

Fotos

Instagram

Patrocinadores

Arquivo