Xa facía tempo que non personalizaba una entrada no blog, pero tocaba, xa que un servidor (Miguel Nogueira) foi o único representante no 10º Roteiro BTT Terra das Mariñas en Cambre.
E, como podería cualificar esta BTT? Pois un total despropósito persoal, xa que en si mesma a marcha é moi recomendable, sobre todo para iniciarse nesto da BTT, pero o día non me foi moi propicio.
Marcha corta duns 35 KM e longa de algo menos de 60 pola zona de Cambre e Monte Xalo. Ruta corta moi cómoda, sen apenas dificultade técnica, e tremendamente rodadora. Día soleado, pequenos obsequios só por se ter inscrito, boa participación... ata aí todo moi ben.
Iniciábase a marcha a bastante ritmo ao ir moito tempo por pistas de asfalto e camiños amplos. Ademais, ao ser de carácter federado, había moitos mákina que xa marcaron o ritmo dende o principio.
Había pois que ir gardando forzas sen contaxiarse por estes ritmos tolos. E ata aí todo ben, salvo pequenas cousas que xa empezaban a manifestarse: que difícil ver as marcas da ruta en certos cruces ou puntos onde había xiros bruscos. E a velocidade non axudaba nada, pasándonos de freada máis dunha vez nalgún desvío.
Zonas moi fermosas. Foto: Ana Fernández |
Tiña mirado o perfil de cada un dos roteiros, e sabía que me tocaba “atallar” pola ruta corta sobre o Km 19, máis ou menos. Ía metido nun grupo xeitoso, máis ou menos entre os 20 primeiros da xeral, cando me empecei a mosquear de que pasaran os quilómetros (20, 21...) sen que ningunha marca ou persoa nos cruces indicase que chegaba o momento de desviarse da ruta longa. Pillei unha subida longa, longa, e dura por un monte que me sacaba de punto e xa empecei a dubidar de ir pola ruta que tiña escollido.
Chego a un cruce, pregunto, e zas!! Seica estou xa subindo ao Xalo, cando aos da ruta corta non nos correspondía. E aí comeza o meu despropósito: explico a un responsable da organización que non tiña tempo de facer a longa e que mesmo podería petar (polo ritmo que xa levaba dende o inicio), xa que me quedaban por facer case 35 km aínda. Xentilmente esta persoa indicoume que o seguise pola estrada secundaria detrás do seu coche ata desfacer parte da ruta e enganchar coa corta.
Ai Miguel, que xa vas por onde non debías. Foto: Iván Joglar |
Segundo baixamos a lume pola estrada xa vemos máis xente perdida que en lugar de subir polo monte viñan pola estrada (“outros que andan perdidos”, dicía eu...). De paso, e sen sabelo, crúzome co noso colega de equipo de atletismo Julio, que ía subindo en coche ata o Xalo para facer por alí unha rodaxe traileira (percatouse do detalle dun tipo indo detrás dun coche, seica...jejej). Chegamos a un dos puntos polos que eu xa pasara e dime o tipo, “tira por aí”. Volvo ir por unha parte por onde xa fora, pero xa ca mosca detrás da orella, e cando vexo que teño que volver subir polo monte, pregunto de novo nun cruce, e ala, outra vez, que estou na ruta longa. Esta vez volvo a contracorrente, cruzándome cun bo feixe de ciclistas que por culpa miña case que dan volta ao pensar que ían confundidos. Atópome a outro paisano nun cruce e este si que me orienta ben ata a ruta corta e avituallamento polo que non pasara antes. Isto todo a ritmo de lume. A partir de aí xa empatei ben ca ruta correcta, pero con case que 10 km de máis enriba. Seica non tantearan que entre os de diante podería haber xente que se desviase xa para a ruta corta, polo que no cruce do desvío en cuestión, non me “filtraron”. Vai ser que vou ter que ir máis a modo logo. Manda truco, nin que fose é aquí un “pro”. Pero non verán que vou nunha Top Line!!
Con todo, seguimos a ter problemas nos cruces por apenas verse as marcas. Preocupábame en especial porque volvía ir outra vez só boa parte do tempo, a pesar de ir collendo xente, pero ían lentos (ou máis ben eu ía a lume polo nervio), e parecía que os estaba dobrando (mesmo se me apartaban pensando que era dos que viñan en cabeza na marcha longa), polo que non me quedaba con eles.
A lume total polo paseo do río. Foto: Daniel Bocija |
Parte final a toda brasa e a pesar da subida, que xa coñecía ben por coincidir en parte co tramo final da carreira pedestre na que estivera en agosto. Chegada á meta e volve pasar o de Outes: ninguén da organización esperando, ningún avituallamento... incertidume total. Pero o caso é que xa chegaran uns 40 btteiros da ruta corta que andaban por alí máis perdidos que un neno pequeno nun hipermercado, esperando a que lle desen auga a unhas mangueiras para lavar as bicis (aínda), e con moitos deles sen saber se queira onde andaba o pavillón para ducharse. Alá fun a fuego outra vez ata o pavillón a por algo de información, e o que me encontro é que están a preparar as mesas para a comida do final, e mesmo me vacilan con que seica atallei e que chegara moi pronto. “O carallo”, dixen, “mesmo peguei unha voltiña extra pola zona” “nin longa, nin curta, improvisei unha ruta intermedia”. E xa vén un responsable da organización e tira de walkie para avisar de que fose alguén para a chegada a dar auga ás mangueiras, atender á xente que ía chegando, etc.
Finalmente lavada de bici, ducha quente, bebida grazas ás indicacións do xefe do CC Cambre e de volta para casa cunhas sensacións moi estrañas. A posteriori a organización admitiu os erros organizativos así como que seica algún gilipuertas estivera a eliminar e mesmo cambiar marcas no percorrido das rutas. Así o despropósito. Polo que puiden saber unha alta porcentaxe dos 300 que fixeron algunha das rutas, se confundiu facendo, quilómetros de máis.
Xa vedes, aventura total, facendo case que unha carreira de orientación máis que unha BTT. No obstante, ruta moi, moi recomendable para iniciarse e moi rápida (a pesar das voltas que peguei, fixen uns 44 km a algo máis de 17 km/h).
Esperemos que non nos volvamos perder na próxima ruta. Será outra proba federada, esta vez en Valga o día 16 de novembro.
A tope Noitebra!!
Máis información na web da ruta: http://www.cccambre.es/roteiro-terra-marinas/roteiro.htm
Crónica oficial e fotos: http://www.cccambre.es/wordpress/?p=2436