sábado, 21 de abril de 2018

Regulamento de Réxime Interno da Sección de Atletismo (2018)

Aprobados por unanimidade en Asemblea Xeral Extraordinaria o 20 de abril de 2018.


NOITEBRA FÚTBOL CLUB

REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO DA SECCIÓN DE ATLETISMO



O presente regulamento contén as condicións, requisitos e circunstancias nas que se desenvolverá a actividade da sección de atletismo do Noitebra Fútbol Club no non previsto nos seus Estatutos, e responde á necesidade de arbitrar medidas concretas de actuación que posibiliten o funcionamento óptimo da sección, definindo os dereitos e deberes dos e das atletas, co obxecto de garantir os principios de igualdade e transparencia. Supoñen un marco de actuación”, e como tal deberá facerse público para que sexa coñecido e respectado tanto por parte dos órganos de goberno do Club, atletas da sección así como o resto de socios e socias do Club.



Por outra banda, está suxeito ás modificacións, rectificacións ou engadidos que aconsellen as circunstancias que se deriven da súa posta en funcionamento, debendo ser aprobados nestes casos pola Asemblea Xeral.



As normas aquí previstas son de obrigatorio cumprimento para todos/as os/as atletas federados da sección, e a súa inobservancia podería dar lugar a sanción disciplinaria.


NORMAS


1.- Todos/as os/as atletas do club deberán competir mínimo unha vez por tempada nunha proba federada (salvo lesión ou enfermidade acreditada), e sempre en representación do mesmo, non sendo posible competir representando a ningún outro club ou asociación, excepto naquelas competicións nas que o club non poida ter representación de ningún xeito posible (carreiras limitadas a certos gremios profesionais, estudantís, grupos especiais, etc.).



2.- Esta representación farase sempre coa indumentaria oficial do club, salvo naqueles eventos nos que o seu regulamento non o permita. Dita indumentaria lucirase en actos de entrega de trofeos, presentación do equipo, saídas organizadas polo Club e, na medida do posible, nos adestramentos.



3.- En canto á indumentaria de competición, os e as atletas de novo ingreso no Club terán dereito a recibir gratuitamente (e reposición por deterioro ou variación de talla, no caso dos xa pertencentes ó Club):

-   Camiseta de asas ou top curto segundo sexa o caso.

-   Pantalón curto, malla curta ou braga segundo sexa o caso.


4.- O resto de indumentaria do club poderá adquirise voluntariamente e de xeito exclusivo por pertenza ó club, e segundo a viabilidade económica en cada tempada, poderá obterse a prezo subvencionado segundo decida a Xunta Directiva.



5.- Todos/as os/as atletas teñen a obrigación de prestar a súa xima colaboración para que a repercusión publicitaria do Club e patrocinadores autorizados sexa óptima en cada momento, mantendo sempre unha actitude de xima corrección, tanto nas competicións como fóra delas.



6.- Todos e todas as atletas poderán asistir a calquera competición que estimen oportuna, debendo comunicar ó Club a súa participación e toda a información posible (clasificación, circuíto, distancia) referente a esas competicións de cara a realizar a memoria interna do Club.



7.- A cota mínima e obrigatoria para pertencer á sección de atletismo do Noitebra Fútbol Club corresponderase coa cota establecida cada tempada e en cada categoría de idade pola Federación Galega de Atletismo, ou de ser o caso a Real Federación Española de Atletismo, podendo establecerse outras cantidades engadidas segundo a viabilidade económica do Club en cada tempada. Dita cota non supón obter a condición de socio ou socia do Club, para o cal será preciso realizar a satisfacción do seu abono (non obrigatorio) dun xeito engadido cada tempada.



8.- Todos/as os/as atletas menores de 16 anos, terán subvencionada a cota federada de cada tempada, sempre que sexa viable para a economía do Club, a criterio e aprobación da súa Xunta Directiva, estando obrigados a competir como mínimo unha vez por tempada nunha proba federada (salvo lesión ou enfermidade acreditada).



9.- A partir dos informes recadados polos responsables ó cargo da sección, ó final da tempada avaliarase a participación dos atletas do Club no calendario federado, podendo determinar a Xunta Directiva a subvención das licenzas federativas para aqueles e aquelas atletas que cumpran cuns determinados criterios establecidos previamente para dita tempada. Dita subvención estipularase de acordo cos orzamentos aprobados para tal motivo pola Xunta Directiva cada nova tempada.



10.- Os responsables ó cargo da sección tamén recadarán informes sobre os resultados dos e das atletas ó longo de cada tempada, abríndose a posibilidade de que a Xunta Directiva valore a bonificación do seu rendemento, en especial se ditos logros son conseguidos en campionatos de Galicia ou de España.


11.- Todos e todas as atletas asumirán o coste das inscricións nas probas federadas e non federadas nas que participe, agás naquelas probas e campionatos federados que sexan de carácter gratuíto e que cuxa inscrición teña que ser realizada exclusivamente desde o Club, a petición previa de cada atleta.



12.- Todos os/as atletas, e sempre dentro das súas posibilidades persoais, terán a obrigación de colaborar naqueles eventos que organice o Club.



13.- Todo atleta poderá realizar suxestións, propostas ou as queixas que estime convenientes, como mellor proceda, á Xunta Directiva para contribuír ó bo funcionamento do Club.


SANCIÓNS

14.- En caso de producirse unha actitude ou accións incorrectas e non apropiadas (vulneración do sentido ético) por parte dos e das atletas antes, durante e despois dunha competición, o Club poderá abrir expediente informativo previo a unha posible expulsión do Club.



15.- Salvo nos casos contemplados neste regulamento, o feito de non competir coa indumentaria oficial do club durante a tempada suporá a perda total de calquera subvención sobre a licenza federada ou calquera outra bonificación.



Santiago de Compostela,  20  de abril de 2018


Xunta Directiva do Noitebra Fútbol Club

Instagram

Patrocinadores

Arquivo