luns, 3 de outubro de 2011

Atletismo: V Maratón do Miño, Ourense

O pasado domingo novamente nos enfrontamos ao reto dos 42.195 metros. A cita sería un ano máis en Ourense, no V Maratón do Miño.

Nacho, á dereita,  animando a Miguel. Foto grazas a tito.

Dani nunha das ramplas. Foto de tito
Bo madrugón (7 da mañá) para saír cara Ourense. Tres serían os maratonianos: Dani, Pepe e Miguel. Teríamos tamén un equipo de relevos na distancia: Fernando, Manolo e Nacho, que ademais estarían moi atentos ao que facían os maratonianos, dándolle sempre ánimos e axuda, especialmente na chegada, onde xa chegábamos bastante prexudicados. A foto de enriba dá fe deste ánimo incondicional dos nosos na carreira, con Nacho animando dende a zona de relevos...

Percorrido
A distancia?, xa a sabedes. O percorrido?, tres voltas a un fermoso circuíto ao carón do río Miño, con terreo mixto (terra/area, cemento, asfalto, empedrado...) e bastantes subidas e baixadas, pero non excesivamente longas. O clima?, sorte tivemos de saír ás 9 h., xa que non comezou a pegar ben o sol ata as 13 h., pero na última volta xa se notou abondo (en torno aos 25 grados e subindo).

Perfil da carreira

Pepe nos últimos 200 metros. Foto de  tito
Ao final, obxectivo cumprido, finalizando os tres maratonianos a carreira e co equipo de relevos facendo menos de 3 horas e 30 minutos. Gran tempo de Pepe que superou con creces o seu obxectivo, e rematando bastante enteiro. Moito mérito tivo tamén Dani, que se atreveu a participar a pesar de non ter a preparación que el desexaría. Ademais tivo problemas nas costas que o limitaron bastante, pero aínda así non se rendeu.

No meu caso (Miguel), obxectivo cumprido en canto á marca, pero fiquei coa mel nos beizos ao ir boa parte da carreira (ate o km 30 máis ou menos) con posibilidades de baixar das 3 horas, pero primeiro as molestias nos cuadríceps (que xa me viñan avisando algo dende o día anterior) e os nefastos últimos 5-6 km ao quedar desfondado por non ter xa material para avituallar, fíxome caer en picado, e menos mal que parei uns minutos no último avituallamento faltando uns 4 km para o final no que aproveitei para tomar plátanos e isotónicas. No obstante o mal xa estaba feito e só quedaba tratar de chegar, como así foi ao final. Iso si, contento e pensando xa en seguir superándonos.

Foto grazas a tito
En canto á organización, dicir que este ano foi xenial, xa que ao chegar tivemos todas as facilidades para recuperarnos (comida a fartar, bebida...) ademais de diferentes agasallos. Tan só farían falla unhas esponxas e duchas no percorrido para refrescarnos, co se fai noutras carreiras de longa distancia, pero quen ía dicir que en outubro, en Ourense, habería 30 grados.
 
Foto grazas a tito
Foto grazas a tito




















En definitiva, todo moi ben, e seguiremos co reto o próximo ano. Alguén máis se suma???

 
Clasificacións

Instagram

Patrocinadores

Arquivo