A mañá do domingo os atletas noitebros participaron no I Campionato Galego de Maratón, celebrado nun día de tremenda ventoleira na cidade da Coruña.
| Foto grazas a Vicky |
Como ben nos dicía o público e diferentes pancartas ao longo do percorrido, os nosos “heroes por un día” foron Manolo, Nacho, Dani, Abel, Jonal, Óscar, Fran, Pepe, Raúl e Miguel Pirri, que afrontaron os 42,195 metros con toda a ilusión do mundo e a pesar de ter un día a base de chaparróns, vento fortísimo e mesmo sarabia.
| Foto grazas a Mónica |
A xornada a iniciamos moitos de nós erguéndonos sobre as 5 da madrugada para facer un bo almorzo de cara ao que se nos viña enriba ao longo do día. Logo tocaba viaxe en grupo dende Sigüeiro sobre as 7 h. para chegar á Coruña ás 7:45 h. Polo camiño, o tempo xa on pintaba nada, pero que nada ben. Na Praza de María Pita esperábannos Abel e Raúl, cos dorsais do resto, que pronto nos endosamos xa que a carreira comezaría puntual ás 8:30 h. nas inmediacións do lugar.
| Foto grazas a Marcos |
O percorrido, como xa anticipamos en días anteriores, era de tres voltas nun percorrido que dicían rápido e chán, aínda que despois de facelo, podemos calificalo de semichán, e que se iría complicando co paso das horas pola acción do vento, ao pasar ao carón do mar.
A organización tratou de animar toda a zona, e puidemos ver varias actuacións musicais polo camiño mentres corríamos. O público presente, aínda que escaso por mor da hora, do tempo e logo seguramente por un partido de fútbol de solteiros contra casados de grande transcendencia mediática, dámoslle unha nota de dez, incansables cos seus ánimos durante toda a carreira.
| Foto grazas a Mónica |
Da organización, a pesar de ser a súa primeira edición, non podemos facer máis que falar en positivo, e entendemos que sempre se comenten erros cando algo se fai por primeira vez, pero a ver quen é o guapo que se pon a organizar unha carreira nunha cidade tan pequena como A Coruña, onde cortando 4 rúas colapsas a cidade, e mais para un maratón, onde o último atleta chegou a facer unhas 5 horas e 45 minutos. Ademais de controlar todo o que poida suceder ao longo po circuíto duns 14 km. Chapó para os voluntarios, que tamén tiveron a súa xornada maratoniana, e aguantando ata que o último chegase, papando frío e auga todo o tempo.
| Fot grazas a J.R. Rey |
Antes de entrar en como nos foi o tinglado, quero felicitar a todos os atletas que remataron a proba, e en especial a todos os equipos composteláns que alá estiveron representando á nosa cidade no campionato galego (Fontes do Sar, Milladoiro, etc.).
![]() |
| Foto grazas a C. en G. |
Xa entrando no que foi a nosa carreira, pois como era evidente obxectivos ben diferentes entre nós, pero podémolos resumir en ir a por marca (a pesar da tolemia do clima) e rematar a carreira. Empezamos as valoracións: o noso gran Manolo, tendo como lebre a Nacho (este nunca tivo a intención de rematar a carreira), foron a un ritmo moi xeitoso e cómodo, e uns kilómetros despois de quedarse en solitario, Manolo tivo que abandonar polo mesmo mal de Valencia, sobrecarga nos xemelgos (tede en conta que este fenómeno 15 días antes anda por Oleiros facendo un trail de 18 km polo monte); Dani chegou como puido a meta por molestias musculares nun cuádriceps, pero chegou; J. R. Abel, como debutante, foi prudente e chegou con éxito á meta, quedándolle como experiencia valiosísima para competir nun futura na distancia; Jonal logrou o seu obxectivo de baixar con creces das 3 h. e 30 min; Óscar, debutante, arriscouse a correr cunha lesión e foi quen de rematar en torno ás 3 h. e 25 min; o tándem Pepe-Fran, con este último debutando e dedicándolle a carreira á súa dona en estado de boa esperanza, lograrían non só chegar enteiros á meta, senón fixar en 3 h. 16 min. aproximadamente; finalmente falar do outro tándem formado por Raúl e Miguel, que lograrían baixar das 3 h. a pesar de pasalas canutas nos últimos 3 km. Na meta, medalla para o recordo, bebida, bolsa con comida, boliños, etc., e no meu caso (Pirri), paso pola carpa médica por unha leve hipotermia ao rematar, pero sen maior complicación, en especial grazas a Jose que xentilmente me cedeu a súa chaqueta (xa cha devolvo o martes se pasa por San Lázaro), que estaba por alí co seu irmán Julio promocionando a súa tenda deportiva, 39 Segundos.
![]() |
| Foto grazas a M.R. Casal |
En definitiva, grande éxito dos nosos. Felicitacións a todos!!! e aos debutantes benvidos ao club dos maratonianos. Seguro que a experiencia que vivistes valeravos para moito no futuro no running e seguramente nas vosas vidas persoais. De como sacrificarse ata o final cando xa non nos quedan forzas nin para dar un paso máis, e aínda así chegamos ou tratamos de chegar á meta.
| Foto grazas a Rosa |
Centos de miles de millóns de grazas aos amigos e coñecidos que nos animaron durante todo o camiño, ata tal punto que parecía que corríamos na casa. E en especial citar a Shaila e Fleky, que viviron connosco esta fabulosa experiencia dándonos apoio moral e técnico dende o primeiro momento do día e en cada volta durante a carreira, xa que grazas aos seus ánimos nos axudaban a manter o ritmo. Grazas tamén a todos os que nos felicitaron vía mail, Facebook, teléfono, etc. Sen dúbida fainos conscientes dos nosos logro.
Ben, no chegan as palabras escritas para describirvos o que foi este día e para dar agradecementos, pero esperamos que vos fixésemos chegar polo menos o máis básico.
Clasificacións
Os nosos







