martes, 15 de maio de 2012

Atletismo: XI Medio Maratón de Ferreirúa

O pasado domingo viaxamos ata a Pobra do Brollón para participar no XI Medio Maratón de Ferreirúa. Formamos grupo para participar de forma individual e por equipos, sendo da partida Pirri, Pepe, Abel, Manolo, Puri, Nacho, e Fleky, cedido ao noso equipo para a ocasión.

Puri no podio de Ferreirúa

 

Esta é unha media ben singular, celebrada nun lugar que debe multiplicar por 10 a súa poboación cos visitantes que recibe na fin de semana da carreira. Moi boa acollida da xente e un percorrido totalmente rural explican que un domingo ás 8 h. da mañá fixésemos 2 horas de camiño para logo romper o corpo no complicado perfil desta carreira. E inda enriba con humidade e algo de bochorno no ambiente polo efecto do cambio de tempo desta pasada semana (e menos mal que non pegou o sol ate o final).

Perfil da carreira
Percorrido
Mogollón de xente na zona da saída ao chegar, coincidindo con que tamén teñen unha carreira curta de algo máis de 9 km, xuntándose alí algo máis de 400 persoas, aparcando os coches en brañas, como se dunha romaría se tratase (con case que todos os veciños axudando a organizar o tinglado).
Con bastante puntualidade arrancou a nosa proba para facer unha volta pequena e dúas grandes a un circuíto por corredoiras de asfalto e algunha estrada principal, pero sempre por zonas verdes e con poucas casas pola zona, pero en todas as que había, sempre atopamos xente que estivo alí animando en cada volta, do primeiro ao último que por alí pasaba (e ninguén protestaba por terlle cortadas as pistas...).
Fleky de laranxa
Tivemos o gusto de correr por uns momentos ao lado de Nimo e Hassan (chegaría os dou á meta á limón), xunto con outra xente habitual nas populares. En canto aos resultados dos nosos, fenomenal posto para Puri, que rematou nada máis e nada menos que segunda da clasificación xeral nas mulleres, e primeira na súa categoría. Gran papel de Fleky, 3º na súa categoría e diante dos seu pais, que nos acompañaron na viaxe dende Santiago. Moi bo papel de Pepe, 4º na súa categoría; e o resto, a cumprir o trámite e gozar do bo recibimento na meta por parte de todos os espectadores, incluídos os nosos acompañantes noitebros.
Ao rematar, sorpresa na entrega de premios, xa que a organización, aínda quedando no posto 5º por equipo, recoñeceu o nosos mérito cun pequeno trofeo que recollería Manolo, arroupado polo resto de compañeiros do equipo. Tamén destacar a pequena homenaxe e recoñecemento á fidelidade a Fleky por parte da organización.
O mellor de todo viría coma comida de campaña que fixemos na carpa da pulpería habilitada para a ocasión, e logo de volta para Santiago cunha grande satisfacción a pesar da malleira no corpo.
Xa sabes, o ano que vén en lugar de 7 temos que ser 17, xa que a organización fixo o que nos prometeran o ano pasado: “se traedes equipo, levades trofeo”. Non digades que non “mola” ir levando o nome de Santiago de Compostela e do Noitebra por Galicia adiante, e que aínda enriba cho recoñezan.

Un día máis facendo historia para o noso Club. Grazas a todos os que participastes por acudir á convocatoria que fixemos. É impagable o esforzo que estades a facer!!!










O Noitebra no podio
 

Clasificación
Oficial aquí

Os nosos


Álbum de fotos grazas a Manolo (así como as publicadas arriba, por xentileza da muller de Manolo)

Máis fotos no foro de Correr en Galicia

Patrocinadores

Arquivo