A pasada noite do sábado tiña lugar o CorreSAN Cidade Vella, carreira nocturna compostelá por plena zona vella que, sen dúbida, resultou todo un éxito.
![]() |
| Saída dos escolares. Foto de El Correo Gallego |
Moitos noitebros da sección de atletismo (uns 14) non perderon esta cita case que inigualable polas rúas vellas de Compostela e tamén pola Alameda, animados en todo momento por numeroso público que se atopou con un espectáculo gratuíto practicamente sen moverse da casa ou da terraza do bar...
Un pouco despois das 22 h., dende a Praza da Quintana, sairía a carreira escolar, onde tiñamos como representante do equipo a Moisés, que tería que completar algo máis de 2 km nun percorrido ultra-rápido na parte inicial e final, con algo de “tíralledaspernasedopeito” no paseo dos Leóns e zona interna da Ferradura da Alameda. O noso atleta remataría nun tempo digno, a pesar de non ter preparado ultimamente carreiras explosivas como esta.
Ás 22.30h. tocaríalles a quenda aos adultos, que terían que completar dúas voltas ao circuíto para facer un total de 4,3 km (confirmado polo sr. delegado da FGA). Saída a lume dos 300 atletas participantes pola estreita cara a rúa da Conga, pero sen incidencias, e logo xa en asfixia total ata o final, pitando os pulsómetros de moita xente xa dende o km 1 pola caña metida.
Gañaría Samuel Veiga, que no quecemento comentaba “Non eu non creo que chegue primeiro...”, e que xa fora 2º no CorreSAN do Campus Sur. Nas mulleres repetiría vitoria a gañadora no Campus, Yolanda Gutiérrez, que indo reservona por mor do campionato galego de 5 km da mañá seguinte, queimou ben a zapatilla sobre as pedras de Santiago.
En canto aos nosos, boa carreira de Carlos e Óscar, que cada día se achegan máis aos seus ritmos. Logo o resto tamén estiveron a bo nivel (cabe mencionar que apenas estamos a facer adestramentos de intensidade), tendo en conta, ademáis, que tiñamos aos irmáns Bermúdez tamén en certa reserva para o citado campionato do domingo. Salientar o esforzo de Ángeles, que correou literalmente mazada despois dun contratempo días anteriores. Volveunos pasar pola pedra (nunca mellor dito nesta carreira) o noso fisio Jaime R., que nesta distancia e perfil destaca de especial maneira.
Unha vez máis queremos das as grazas a todos os noitebros que participastes, axudando de forma inestimable coa vosa participación para que este tipo de eventos se manteñan na nosa cidade.
Felicitar tamén á FGA e ao Dpto. de Deportes do Concello por semellante esforzo feito na organización dun evento tan complicado como este en pleno corazón de Santiago.
Percorrido e perfil
![]() |
| Percorrido |
| Perfil |
Os nosos







