Fran achéganos a crónica da súa participación no Medio Maratón 21 lunas... y media de Ponferrada:
| Foto grazas a Maxi |
Este sábado, e tras "convencer" á señora de pasar unha fin de semana en Ponferrada, participei en representación do Noitebra na Media Maratón nocturna desta cidade, gran acerto xa que foi unha das mellores carreiras nas que estiven, e todo por seguir co plan de Media por mes (van 8 en 9 meses máis a Maratón).
A tarde xa comezou ben, xa que na entrega de dorsais, feira do corredor incluída, entregáronnos a mellor bolsa recibida ata a data: camiseta técnica New Balance, calcetíns técnicos co logo da proba, xeles enerxéticos, cremas de recuperación, revista Runners, etc.
Xa pola noitiña, e tras visitar a vila, dirixímonos cara o Castelo dos Templarios de onde partiría a proba para atopar un gran ambiente e moitas caras coñecidas das populares de Galicia, e logo de quentar un pouco por unhas fermosas pistas de terra pola beira do Sil, daría comezo puntualmente a carreira as 22:30 con 22 grados de temperatura, unha humidade asfixiante e o mellor de todo a ritmo de AC/DC.
O obxectivo persoal era gozar do evento a un ritmo "tranquilo" de 4:30 polo que me arrimei de saída ao globo de 1:30 para afrouxar pouco a pouco e poñerme a velocidade de cruceiro, e foi ben ata cerca do km. 15 onde a causa da calor entrei en reserva e acabei como boamente puiden.
O perfil da carreira (homologado pola RFEA) resultou bastante levadeiro, con apenas costas, aínda que tiña unhas longas rectas desas que fan estragos psicolóxicos, polo que non me parece propicia para facer marca. Constou dunha primeira volta duns 4 km. pola zona histórica, para dar paso logo a 2 voltas duns 7km., cada unha pola periferia da cidade, e por último outra voltiña de 3km. pola zona deportiva e final olímpico dando a volta as pistas do pavillón municipal.
O mellor de todo, aparte da organización (máis de 200 voluntarios), foi o ambiente polas rúas, xa que a noite era propicia, xente animando durante case todo o percorrido nas beirarrúas, nas terrazas, e ata nos balcóns. E ao final debíamos levar malas caras, porque ata nos animaban os municipais que cortaban o tráfico, e eu contei aparte co apoio incondicional de Shailiña, que, grazas ao trazado do percorrido, puido animarme en diferentes puntos, e agradecino de veras, xa que notei nalgún momento a falta dalgún compañeiro noitebro para tirar xuntos.
| Foto grazas a Shaila |
Dicir que os avituallamentos foron máis que abundantes, e dispuxeron de mangueiras con auga que nos deron a vida, e na chegada a meta a unica "pega" para a organización, que non nos deran unha bolsa para meter todo o material recibido, e despois diso o recordo que gardarei para sempre desta carreira, tirado na herba do estadio, baixo o ceo estrelado, pasadas as 12 da noite e despois de correr 21 km., pero non acabou aí a cousa, xa que saíndo do recinto agasalláronme cunha fermosa medalla de cristal e un vale para unha caña e un bolo preñado nos exteriores do estadio onde estaba montada unha "fun zone" con concerto de rock incluído, aínda que non o puidemos gozar, xa que tras ver a entrega de premios puxémonos na 1:30 da maña, e o corpo xa pedía papas.
![]() |
| Detalle da medalla |
En resumen, carreira máis que recomendable, sobre todo para os amigos desta distancia, e co aliciente de ser nocturna, paga a pena acercarse e aproveitar a fin de semana para coñecer estas terras, e salientar de novo a organización, que foi de matrícula, e que nunca tantos detalles recibira, e todo polo razoable prezo de 15 euros (12 de maneira anticipada). De seguro que para o ano se anima algún noitebro máis. Eu, se as circunstancias mo permiten, repetirei, pero posiblemente lle toque a Shai correr e a min animar...
Clasificación
Tempo oficial: 1:34:38 / Rítmo: 04:30 / Posto xeral: 164 / Posto categoría: 84
Total atletas que finalizaron: 624
Fotos e vídeos





