O pasado sábado pola tarde o que escribe esta crónica (Miguel) estivo representando ao Noitebra no Campionato Galego de Media Maratón en Petín (III Media Maratón Popular).
![]() |
| Foto grazas a X. Manuel Álvarez. Jaime R. en primeiro plano |
Tiña unha conta pendente doutros anos con esta carreira, xa que por obrigas dos adestramentos para o Maratón de Ourense non me atrevera a tomar esta competición como test a sabendas da súa dureza, pero este ano tocaba, e acompañado da familia ata alá fomos. Dúas horas de viaxe ata a Valdeorras (recentemente estivemos xa no Barco), nunha tarde onde íamos vendo como subía a temperatura ata chegar aos 30 grados unha hora antes da carreira. Case nada o que nos esperaba.
Caras coñecidas en Petín, compartindo o mínimo quecemento con Yolanda Gutiérrez e o noso excepcional fisio Jaime Rivas, debutante na distancia. Tamén competiría o seu pai, Jaime P., xa rodado nestas batallas.
| Intres antes da saída |
Con puntualidade tiña lugar a saída, ás 18:30 h., e calor facía abondo, pero o peor viña por diante: un percorrido rápido de saída con continuos tobogáns, ata atopar xa unha primeira parede do km 6 ao 7, co sol pegando a base de ben. Poucas zonas chas pegadas ao paseo fluvial, pero sobre todo como moitos tramos picando para arriba. Agradecíase pois cada un dos avituallamentos que había cada 5 kmtrs.
Non era de estrañar pois que visto o día a segunda parte da carreira se fixese máis lenta por mor do desgaste físico, e, especialmente porque viña o máis duro. Do km 12 ao 14 ramplas duras para logo baixar a saco ata o 15, e xa do 16 ao 17 tortura nun pequeno muro duns 700 metros que remataba a faena, deixándoche o “depósito” baleiro para os últimos 4 kmtrs., outra vez de continuos tobogáns que agora parecían o Mortirolo logo de tanto cansazo acumulado.
Na chegada, todo ánimos por parte dos veciños e foráneos que encheron a vila, pero as pernas e a cabeza xa non ían, e ata pasar os badéns da estrada supuña un grande esforzo.
En canto ás clasificacións da carreira, distinguíase entre carreira popular e campionato galego. Na popular gañaría Manute en homes e Sonia Teijeiro nas mulleres. No campionato gañaría Rafael Fuentes (1:15:53) e super Yolanda Gutiérrez nas mulleres, que sería nada máis e nada menos que o 4º atleta en chegar á meta (1:20:53).
Jaime R. excepcional, facendo algo máis de 1:30 h., e sufrindo a parte final como case todos o pasado sábado. Quedaría 3º na súa categoría. O seu pai, Jaime P. tamén faría unha boa marca (1:45:12), sendo 8º na categoría.
![]() |
| Chegada a meta |
No meu caso, carreira de menos a aínda menos, cumprindo na primeira metade o ritmo obxectivo proposto, pero quedando a cero no muro do km 16 (onde as ramplas do 20% de desnivel), facendo os últimos 4 km con moita fatiga provocada por unha deshidratación que xa viña avisando dende o km 4 de carreira, nada máis e nada menos, facendo a miña peor marca nunha media maratón dende que levo correndo (e xa van 20 medias m. feitas). Anecdoticamente rematei como o 1º senior do campionato galego (a pesar da cutre-marca de 1:36:16), o cal demostra o escaso nivel na categoría, pero afortunadamente non había premiación, evitando así a ridiculez pública do feito.
En definitiva, carreira moi dura, que como reto para superarse sirve abondo, pero que penso que non é propicia para empregala como campionato galego nesta distancia.
Felicitar á organización polo bo trato e esforzo realizado, e a pesar de non cumprir ao 100% coas normas da FGA no tocante ao percorrido (non estaba pechado ao tráfico na súa totalidade, co risco que implicaba), é destacable como se esperou pacientemente ata o último chegado a meta (con máis de 2 h. 32 min.).
Nos vindeiros días, crónicas do resto de carreiras nas que participou o noso equipo esta pasada semana.
Percorrido e perfil
![]() |
| Percorrido |
![]() | ||
| Perfil |
* Nota de interés: nunha ruta O Castiñeiriño-O Pedroso-O Castiñeiriño (16 km) acumúlanse 343 metros de desnivel subindo. Nesta media maratón acumúlanse 407 metros.
Clasificacións
Os nosos
Miguel:
Posto Absoluto: 30 / Posto Xeral Campionato: 20 / Posto Categoría: 1 / Tempo: 01:36:16 / Ritmo: 4:34/km
Total participantes que finalizaron: 121
Fotos








