Achegámosvos a crónica de Fran sobre a participación do club na Carreira de Moraña:
 |
| Foto grazas a Marinela |
Se o pasado Domingo tras a popular de Ribeira nos refrescabamos nas augas de Coroso, este tocou "bañarse de lo lindo" na
III Carreira Popular de Moraña, e é que a tromba de auga e vento que caeu pola tarde tamén fixo madeixa nos participantes desta carreira, tendo en conta que esa mañá fora suspendida algunha que outra proba.
 |
| Foto grazas a Marinela |
Ata alá nos desprazamos dende O Castiñeiriño e coa comida na gorxa catro tolos: Anxo, Abel, Pepe e Fran para atopar unha tarde desapracible pero que afortunadamente daría unha pequena tregua durante a disputa da carreira, ademais de que tivemos a sorte de quentar no interior do pavillón, mentres que fóra caían baldes de auga, motivo polo cal a saída retrasouse algo máis de media hora.
Xa íamos avisados da dureza do percorrido que discorreu completamente por asfalto (sobre uns 10,3 Km segundo os nosos GPSs) percorrendo as pistas da vila e os seus arredores; ata o kilómetro catro sería máis ou menos levadía, pero a partir de aí comezaron as hostilidades con varias costas que se deixaron notar nas pernas, polo cal, ó final aínda se agradeceu a choiva.
 |
| Foto grazas a Fran |
A carreira sería gañada por Rafael Fuentes en homes e Jennifer Bures en mulleres; en canto ós nosos: Abel, Pepe e Fran, saíron coa idea de disputar unha carreira tranquila despois da "tralla" das últimas semanas, pero isto con Pepe é imposible, polo que acabamos facendo un tempo máis que digno tendo en conta o perfil da proba, rodando xuntos de principio a fin e entrando collidos da man na meta, o cal, provocou os aplausos do público. Por detrás chegaría Anxo, que suma unha nova carreira ó seu palmarés e comentou ter gozado gratamente sen sufrir en demasía as costas.
Á chegada, isotónica e froita para todos, xunto cunha ducha quente, para despois asistir á entrega de premiacións na que Pepe subiría ó máis alto do podio na súa categoría. Salientar que pese a ter rematado pouco máis de cen persoas o nivel foi alto, xa que Abel entrando entre os corenta primeiros quedou o catorce da súa categoría.
 |
| Foto grazas a Marinela |
Felicitar tamén á organización que estivo "de nota", sobre todo, tendo en conta as condicións climatolóxicas; o único "pero" foi o retraso na saída, pero por mor de facerlle unha volta de recoñecemento ó circuíto, o cal, é de agradecer, xa que era pola nosa seguridade. Dicir que é unha máis que recomendable carreira cun percorrido duro, pero fermoso e ameno, e cun trato familiar, á que sen dúbida acudiremos en próximas edicións. Xa de volta para a casa, cumprimos coa nosa tradición da "copa" para todos (de caña) e na cabeza roldando a próxima cita deste Sábado no CorreSan do Hipercor.
Clasificacións
Fotos