martes, 18 de setembro de 2012

Atletismo: XV Carreira Popular de Ribeira. Campionato Galego de 10 km en ruta

 Fran achéganos a crónica da Carreira de Ribeira, disputada o pasado domingo:

Este pasado domingo varios compoñentes do Noitebra gozamos dunha nova xornada competitiva. Trataríase da XV Carreira Popular de Ribeira, que este ano ademais de pechar o circuíto de carreiras deste concello, converteríase por vez primeira no Campionato Galego de 10K en ruta.

Noitebra total. Foto grazas a Silvia
Foto grazas a Sochas
Serian de partida os inscritos no circuito: Nacho L., Pepe, Mallo, José Manuel e Fran, aos que se sumarían na popular: Puri, Anxo, Marcos L. e Víctor, e no campionato Galego: Óscar e Miguelanxo; en resumo, unha boa recua, e iso que causarían baixa de ultima hora Fernando e Carlos por diferentes motivos (agardamos velos cedo polo asfalto). E coma sempre estivemos ben arroupados por familiares e simpatizantes dende as beirarrúas.

Foto grazas a Xandra
A proba variaría o seu trazado con respecto a outras edicións, para axeitarse a súa recen estreada homologación, para discorrer por un circuíto de dúas voltas de 5 km. que, repetindo a zona do malecón e centro da vila de edicións anteriores, ampliaría o percorrido polo paseo da praia de Coroso; un perfil practicamente chan, aínda que con un par de repeitiños que na segunda volta tiráronlle do peito a mais de un, e a boa climatoloxía, maña fresca e sen vento, farían que a carreira resultase rápida, tamén a raíz do nivel parcitipativo por mor do campionato galego, xa que practicamente se dobraría a inscrición do ano anterior, o que ademais encarecería as opcións de podio dos nosos.

Foto grazas a Sochas
O vencedor masculino sería Alejandro Fernández, facendo dupla: carreira popular e campionato. O circuíto de carreiras de Ribeira 2012 sería para Rubén Caamaño. Nas mulleres imporíase na carreira e no campionato Esther Navarrete, sendo o circuíto para Isabel Saez Batallán.

Foto grazas a Xandra
A organización, que xa era boa, se cadra aínda mellorou co aliciente do campionato galego, polo que dende aquí a felicitamos e animámolos a seguir así, xa que o circuíto parece estar ben consolidado e máis dun repetiremos, se non a todas as probas, seguro que a máis dunha.

En canto aos nosos, non imos entrar en detalle, xa que como comentabamos anteriormente fomos unha vez mais lexión, pero dicir que, a grandes trazos, todos rematamos contentos e con boas sensacións, ademais dalgunha que outra marca persoal na distancia, co mérito que supón por ser unha proba homologada; cabe salientar coma sempre a Puri que subiu por partida dobre ao podio na súa categoría, tanto na carreira popular como no campionato, e a José Manuel, que completou un magnifico circuíto, quedando moi preto dos postos de honra.

Foto grazas a Xandra
Xa chegados á meta e ben avituallados, comentar que uns optaron por unha ducha quente e outros poucos por un baño fresco na praia para recuperar a musculatura, e que o verán toca o seu fin, pero logo chega o outono e con el unha nova tempada na que seguro todos superaremos novos retos e seguiremos medrando...



Foto de grupo grazas a Shaila
 
Percorrido e perfil
Percorrido

Perfil
 
Clasificacións

Os nosos
clic na imaxe para aumentar
Fotos

Noticias

Patrocinadores

Arquivo