domingo, 14 de outubro de 2012

Atletismo: XIV Carreira Pedestre de Lestrove

Crónica da carreira de Lestrove por xentileza de Fran:

Este pasado venres e coas pernas mazadas da fin de semana anterior e a dous días de asistir a derradeira carreira do Corresan, 6 Noitebros participamos na XIV Carreira Pedestre de Lestrove.

Foto do podio por equipos grazas a Mark L.
Os incansables foron Walter nas categorías inferiores (nas que tamén participarían os rapaces de Mark) que realizou unha gran carreira (segue así que cando chegues as nosas categorías hasnos comer as papas) e na absoluta Anxo, Mark, Víctor, Pepe e Fran, coas baixas de última hora de Abel e Manolo (que estaría animando entre o publico) por diferentes motivos. Tamén, como ben sendo habitual, contamos co apoio moral de varios familiares e simpatizantes.


Foto grazas a Mark L.
Partimos co reto de repetir o éxito do ano pasado no que acadaramos o 3º posto por equipos, aínda que sen moita convición, xa que non contabamos con ningún dos nosos "galgos", pero unha vez máis os "podencos" tiramos de raza e non so logramos o obxectivo, senón que o superamos acadando a segunda praza, sendo so superados polos "galácticos" do Sar a Poutada, e tendo en conta que puntuaban tódolos equipos chegados a meta.
Foto grazas a Moses
O circuíto xa era de sobras coñecido por todos, chan, dúas voltas, 10km., que pese a non estar homologados foron mallados (10,2 polos nosos GPS), o que fai máis meritorio os logros acadados; saímos en grupo Víctor, Mark, Pepe e eu (Fran), con Anxo un pouco por detrás e atento por se fallabamos algún de nós para entrar nos puntos. E así discorreu a carreira, controlada de principio a fin, ata os metros finais onde cada un “apretou” o que puido e apenas nos separaron uns segundos de diferenza; non sabemos se é que a climatoloxía foi moi faborable ou que, pero o caso e que sen ter preparado esta carreira especificamente os 5 integrantes do club fixemos marca persoal na distancia que, como dixen, pese a non estar homologada foi real. Debeu ser a motivación extra de correr polo noso equipo, quen sabe... 

Pepe no podio. Foto grazas a Fran
Foto grazas a Manolo
A carreira foi gañada en homes por Luis Calvo e en mulleres por Yolanda Gutierrez; dos nosos destacar a Víctor, que en chan vai como unha moto e tomou o desquite de anteriores carreiras, e a Anxo que cada dia mellora un pouquiño máis, e como non a Pepe (imos ter que chamarlle Don José) que subiu unha vez máis ao alto do caixón na súa categoría, sen desmerecernos a Mark e a min que tamén puxemos o noso “graniño” de area; salientar tamén o debut nesto das populares de Laura, a filla maior de Abel, que o fixo cunha máis que meritoria 3ª posición na categoría (chegar e encher, esperemos que lle colla o gusto e se sume a nosa familia). E nos resultados, tamén destacar os doutros futuros Noitebros e compañeiros de carreiras en xeral.

Detalle do trofeo por equipos
Foto grazas a Manolo
Da organización pouco se pode dicir, de 11 coma sempre, pelexando por manter esta carreira un ano mais e superándose se cabe. Como nota negativa hai que facer un pouco de autocrítica e dicir que tiñamos que ter sido máis os Noitebros nesta competición, ao lado da casa, con premios para os clubs e das que máis miman os corredores. É certo que carreiras como a Pedestre de Santiago, Coruña 10, Vig-Bay e outras teñen máis tirón e nome, pero nestas "pequenas" e onde  podemos facer historia para o equipo... Para o ano xa so nos queda o reto de subir ao máis alto do podio e inscribir o nome do Noitebra no palmares da proba, difícil pero non imposible. Dende logo, intentarémolo...

Foto de grupo grazas a Fran
Clasificacións

Os nosos


Fotos

Patrocinadores

Arquivo