martes, 19 de febreiro de 2013

Atletismo: I Carreira da Filloa, Lestedo

Tamén o sábado pasado, o Noitebra contou cunha numerosa participación na I Carreira da Filloa en Lestedo, Boqueixón.
"Grupetta" do Noitebra. Foto: Nirvioso
E non podíamos fallar a unha carreira organizada tecnicamente por 39 Segundos, con Jose, Julio, Moncho Jaime Cortizo (fotógrafo) e moitos outros amigos e amigas que trataron de facer que todo saíse, ben, como así foi.


Foto: Nirvioso
A carreira xa de por si invitaba a participar por ser cerca de Santiago e a sabendas de que era por camiños na contorna do mítico Pico Sacro. Ademais, o prognóstico de bo tempo tamén parecía sumarse á previa da festa da filloa que alí había preparada ao finalizar a proba. Con todo, moitos de nós tivemos que ser cautos co que nos esperaba ao competir ao día seguinte no duro Cross do Monte do Gozo.

Foto: Nirvioso
O percorrido tiña unha distancia aproximada aos 8,5 km para a proba absoluta, e case todos sabíamos ao que íamos, xa que con anterioridade se informara de que habería zonas duras pola acumulación de subidas, pero tamén por baixadas de vertixe na parte final. Polo tanto, perfil duro, mesmo para quen fose camiñando, pero moi divertido.

Éxito de participación, con moita xente coñecida e vellos amigos que se achegaron para axudar e animar na carreira.

Foto: Xaime Cortizo
Os primeiros en competir serían os escolares, onde tivemos a Moisés e Walter triunfando na súa categoría.

A continuación tiña lugar a proba absoluta, onde, unha vez máis, tivemos a Amador Pena deixando ao Noitebra ben arriba na clasificación. Tamén faría boa carreira Carlos Buján, que logo de ser baixa semanas atrás por un pequeno accidente, vai recuperando o ritmo. Logo viríamos un grupo bastante compacto, con Gonzalo Silva, Víctor Cerqueiro, Fran Méndez, Miguel Nogueira e Fleky Rodríguez, correndo case xuntos todo o camiño. De aí en diante, un regueiro de noitebros (Abel, Anxo, Mallo, Belén, Juan Carlos, etc., etc., xa dicimos que eramos moitos!!) destacando unha vez máis a premiación a Puri por entrar entre as 5 primeiras mulleres na xeral feminina.

Foto: Xaime Cortizo
Gañaría a carreira masculina Diego González e a feminina Mela Penas. Por equipos vencería o Pinarium de Marín.

Ao final, bo avituallamento en meta, e moitos completamos rodaxe (algúns mesmo de alí ata Santiago), tomamos unha ducha ultrafría e tratamos de sumarnos, con maior ou menor éxito, á degustación de filloas.
Moncho de "speaker". Foto: Xaime Cortizo

Felicitacións á organización técnica dos nosos compañeiros, e seguro que con este bo trato a carreira hase consolidar co tempo, e como deixou caer Julio, quen sabe se a próxima vez subimos ata o alto do Pico Sacro.

 







Percorrido e perfil

Percorrido
Perfil


Clasificación

Os nosos
Fotos

Instagram

Patrocinadores

Arquivo