domingo, 3 de febreiro de 2013

Atletismo: III Carreira Popular Torre de Hércules, I Trofeo José Antonio Varela Calviño, A Coruña (FGA)

Novo domingo de carreiras da FGA para o Noitebra. Nesta ocasión estaríamos na III Carreira Popular Torre de Hércules, I Trofeo José Antonio Varela Calviño, na Coruña.
Chegada á Torre de J. R. Abel. Foto: J. Roberto Rey
Abel, Amador, Ángeles, Nacho Liñares e Miguel Nogueira (Pirri) serían os representantes do equipo nunha mañá na que o clima por fin nos sería propicio. Tamén teríamos a compañía de Paco, pai de Amador.

Foto: J. Luis Prado
Nova visita á cidade herculina de moitas que nos esperan debido ao que será un denso calendario competitivo nesta urbe, preámbulo da media maratón do día 24 de febreiro e tamén do que será unhas das grandes citas da tempada: Maratón A Coruña 42, campionato galego e de España na modalidade.

A carreira, en principio de 8 km e logo reducida a 7 km oficiais (como en todo, tamén recortes aquí, para facer realmente 6,8 km), partía da zona de acceso á Torre de Hércules, transcorrendo cara Adormideras, case que todo costa abaixo, para logo retomar en subida o paseo que baixa cara o Castelo de San Antón. Unha vez no lugar, xiro de volta con subida continuada e progresiva retomando case que o mesmo percorrido pero á inversa, con costa arriba final de regalo ata ao pé da Torre, onde un abundante público nos esperaba animando.

Foto: J. Luis Prado
Saída rápida por inercia, onde pouco a pouco foise estirando o amplo pelotón dunhas 850 persoas. Logo a regular e gardar algo para a parte final e subida á Torre, que faría “pupiña” pola pendente e pola superficie incómoda (pedra). Dos nosos, Amador mantería moi ben o tipo e lograría un bo posto. Pirri e Abel, de máis a menos; e Ángeles e Nacho progresando adecuadamente nos seus obxectivos: recuperar a forma no primeiro caso e recuperarse de molestias físicas no segundo. Ao final, coa sensación de “grazas que era menos”, polo menos para un servidor (M. Pirri), e logo de recuperar forzas e hidratar coa auga recibida na chegada (e menos mal habela...), tocou gozar cunha boa ducha quente no bonito complexo deportivo do lugar.
Foto grazas a Javier

Comentar que gañaría a carreira masculina Abdelkader Bouguerroudj e Carla Merayo nas mulleres.

En xeral, carreira ben organizada, sen retrasos, colas, etc. e cun percorrido bonito e final nun lugar mítico como é a Torre de Hércules.


Percorrido e perfil
Percorrido

Perfil
Clasificación

Os nosos
Fotos

Instagram

Patrocinadores

Arquivo