venres, 8 de febreiro de 2013

Atletismo: Trail Río da Fraga, Moaña

A pasada fin de semana a sección de atletismo tivo representante nunha proba de trail, en concreto no Trail Río da Fraga, en Moaña.

Jose, regato a través. Foto: Juan Carlos
Por alí estaría Jose Iglesias, o cal nos deixa a seguinte crónica da súa experiencia.


Foto: Juan Carlos
O pasado domingo 3 de febreiro o Noitebra estivo presente na primeira proba do circuíto de GMTA (Galicia Máxica Trail Adventure), o Trail Río da Fraga de 18 Km (algo máis de 10 Km de subida e 8 Km de baixada).
 
A proba comezaba con puntualidade, cun tramo inicial que transcorrería pola praia da Xunqueira (tendo que probar obrigatoriamente a temperatura da auga ao ter que cruzar o río que desemboca na praia), para a continuación facer una pequena escalada para subir da praia á estrada. Despois disto, collíamos dirección cara a fraga e segundo nos íamos achegando alí o camiño íase estreitando (era importante irse situando nunha posición e a un ritmo acorde, xa que na fraga ía ser difícil adiantar postos a pesar de que había certos tramos que o permitían).
Foto: M. Currás

Debido as chuvias de días anteriores, o estreito camiño, nalgúns tramos, parecía máis un pequeno regato que un camiño propiamente dito (menos mal que ao xa mollar os pes na praia xa ninguén ía intentando esquivar o mencionado camiño/regato). Á volta este camiño/regato íase converter nunha magnifica pista de patinaxe para todos aqueles que fomos sen zapatillas de trail.

Foto: GMTA
O recorrido pola fraga foi moi fermoso e moi levadeiro grazas a diversidade do recorrido (tendo que cruzar o río a pé en dúas ocasións). Despois de saír da fraga (Km 6.5 aprox.) agardaríanos unha dura subida por un cortafogos que todos ou case todos (penso) que subimos andando. Despois disto, unha zona moi rápida de descenso para subir un novo cortafogos e despois unha subida máis cómoda que nos levaría ata a cima (a 611 mts.).

Chegados á cima tocaba descender (a parte que menos me gustou), tramo no que na primeira parte ata chegar á fraga perdín 19 postos (hai q ver como baixa a xente, que tanto lle da que sexa un cortafogos cheo de pedras como un camiño cheo de buratos feitos polas últimas choivas). Unha vez de volta na fraga, tocaba repetir boa parte do camiño feito durante a subida, incluída unha pequena equivocación coa conseguinte volta para atrás miña máis de outras 2 persoas máis que me seguían, xa que un non daba feito entre ir mirando para o chan para ver onde pisar e mirar os anacos de cinta (guía).

Foto: J. Piñeiro
O último tramo da carreira discorría polo mencionado anteriormente camiño/regato onde se votaron en falta unhas zapatillas de trail con visita incluída ao chan. Nunca corrín por unha zona tan esvaradía como esa.

Ao chegar á meta esperábanos un avituallamento líquido e sólido para recuperar forzas. A miña opinión é que é unha carreira moi recomendable para todos aqueles que lles guste saír de vez en cando do asfalto e que pensaba que se me ía facer mais dura (en próximas ocasións haberá que saír máis adiante).

Foto: Juan Carlos

Boa participación para ser un trail, con 498 participantes. Gañaría a carreira Carlos García cun tempo de 1 h e 27 min. en homes, e a primeira muller sería Priscila Suárez cun tempo de 1 h. e 56 min.





Percorrido de perfil
Percorrido. Fonte: GMTA

Perfil. Fonte: GMTA
Clasificacións
  • Jose Iglesias. Posto xeral: 76 ; Categoría: 51; Tempo: 1:48:50 ; Promedio: 6:03/km

Fotos e vídeos

Instagram

Patrocinadores

Arquivo