mércores, 15 de maio de 2013

Atletismo. 3ª Milla Urbana Concello de Padrón e Campionato Galego (FGA)

O pasado domingo tivemos representación na 3ª Milla Urbana de Padrón e Campionato Galego na distancia celebrado en Padrón. Alí estaría Amador Pena, probándose nesta distancia, e obtendo uns fenomenais resultados!!

Amador no podio da popular. Foto: Maribel Piñeiro
 A continuación a cónica de Amador:


Foto: Maribel Piñeiro
Diversos motivos impedíronme acompañar ao equipo a Ferreirúa. Molestias nun xemelgo e incompatibilidade de horarios, os cales si me permitían poder acercarme a Padrón para disputar o Campionato Galego de milla máis a milla popular.

Chegada a Padrón con tempo para retirar o dorsal con calma, aparco onde sempre, aínda que sendo domingo e coincidindo coa feira estaban ateigados de xente aqueles lares, imaxinei que a proba sería xunto a alameda como habitualmente son o 10k e a carreira da pascua, pero resulta que a milla celébrase na estrada que vai cara Carcacía, así que xa decidín ir trotando porque co coche tardaría máis, o final por mor deste inconveniente cheguei co tempo xusto, e sen cambiarme, asi que as "voadoras" quedaron no coche e tocou correr coas Sport Zone de 19€, que son as que mellor me combinan co chándal do equipo ;)

Empezo a quentar e o xemelgo molesta bastante, demasiado mellor dito, tanto que me preocupa, xa me fixo abandonar no 1.500 en Balaídos e non pintaba ben a cousa, pero desta vez decidín saír e probar.
Foto: Maribel Piñeiro

Primeira proba, o Campionato Galego, con xente da talla do subcampión de España da distancia Víctor Riobó, o triatleta Uxío Abuín, Alberto Chaves, Oscar Ces, Olaf Araujo,Youssef Kouaou, Daniel de la Torre etc. etc; en mulleres destacar a presencia da campiona nacional Leticia Fernández e de Paula Mayobre.

Dez minutos despois da hora prevista, ás 11:50, daríase a saída a proba absoluta. O favorito Víctor Riobó xa tomaba a cabeza nos primeiros metros, aínda que non empezaría a distanciarse do resto ata cumprida a primeira das tres voltas que dariamos ao circuíto. Eu decidín saír detrás de todo e ir tanteando que aínda que a carreira dura 5 minutiños, son máis que suficientes para pensar en gardar forzas debido ao ritmo tan elevado que se imprime. Tras o paso pola primeira volta e ver que o xemelgo non molestaba demasiado, empezo a apretar adiantando posicións e acercándome xa na derradeira volta, para a miña sorpresa, a un grupiño donde iba xente que corre moooito e son inalcanzables para min nas probas con distancias máis longas. Tardei un pouco en apretar e cheguei detrás dese nutrido grupo co que penso que contactaría se tivese 50 metriños máis, finalmente posto 15 cunha marca de 04:53. 
Foto: Maribel Piñeiro

Víctor Riobó gañaría con 04:30, completando o podio Alberto Chaves 04:36 e Uxío Abuín 04:38.

Faltaba unha hora para disputar a seguinte proba, a Milla Popular. Decidín agardar por alí e recuperarme do esforzo, o cal se complicou xa que o Aquarius que tomei ao entrar na meta volveu saír polo mesmo camiño. Malestar de estómago quizais por ter comido tan só unha hora antes da proba, e por coller algo de frío posiblemente.

Ese malestar, o cansazo e ver que algunha xente renunciou a disputar a proba federada para centrarse na popular fixéronme dubidar de disputar esta popular, pero chegado o momento e animado polo noso amigo Iván Sanmartín decidín presentarme na liña de saída. 
Foto: Maribel Piñeiro
Outra vez saída dende a última posición, desta vez dous membros do Sar tiraban de Abuín, un deles facendo de lebre e retirándose ao paso pola primeira volta, de novo fun avanzando pouco a pouco e adiantando posicións ata atoparme sorprendentemente en posicións de cabeza, no paso por meta infórmanme de que o acompañante de Uxío será descalificado por non estar inscrito polo que se sigo coa progresión pónseme a tiro a segunda posición. Na contra-recta de meta decido esgotar xa todo o "kers" para poñerme segundo. Faltando 100 metros, aproximadamente, tres atletas pelexariamos por dous postos no podium, e logo dun sprint incrible entramos a par Rubén Álvarez do Alejandro Gomez e un servidor, deixando a 2 segundos a Jose Omil do Pinarium de Marín.

O gañador sen oposición foi Uxío Abuin cun tempo de 04:44, completamos o podium compartindo tempo de 05:01, e tras a foto finish Rubén logrou a segunda praza, quedándome eu cunha terceira posición absoluta a cal me deixaba máis que satisfeito. Cuarta carreira das miñas zapatillas de 19€ e terceira vez que soben ao podium, incrible.

Resultados

Fotos

Instagram

Patrocinadores

Arquivo