mércores, 15 de maio de 2013

Atletismo: XII Medio Maratón de Ferreirúa, Pobra do Brollón

Cita ineludible do Noitebra no XII Medio Maratón de Ferrirúa, na Pobra do Brollón.
Foto de familia. Por xentileza de Javier
Día de competición e tamén de celebración nun domingo que comezou gris, pero rematou con sol e calor. Nubes que se levantaron para recompensar o esforzo feito por cada un dos nosos atletas no esixente percorrido da proba.  Como froito do mesmo, o Noitebra obtivo o recoñecemento da organización, que nos outorgaría un trofeo honorífico. A nivel competitivo, día histórico no plano individual, ao gañar por primeira vez un dos nosos atletas unha carreira. Sería, como non, Puri, primeira das mulleres en entrar na meta.

 
Foto: Silvia Rodríguez
Pouco hai que comentar desta carreira que non se teña dito aquí ou noutros foros. Carreira popular en esencia pura, coa aldea de Ferreirúa volcada co evento e coa organización da mesma (os veciños do lugar) velando porque todo saíse ben e recompensando á fidelidade dos participantes con todo o seu entusiasmo e dedicación. Como dicimos, cita ineludible para o noso equipo logo das experiencias de anos anteriores, e así o quixemos transmitir, sen obter moito éxito na convocatoria, por causas diversas.

Foto grazas a Javier
O caso é que xuntamos un grupiño xeitoso que si estivo disposto a esta aventura, nun momento non propicio para case ninguén, deixando obrigas persoais a un lado e soportando enfermidades, lesións etc. Dende logo case daba pena en que situación fomos: Nacho con molestias musculares; Manolo con apenas unha semana de recuperación da súa lumbalxia; Ángeles que case que tiña que estar hospitalizada por problemas estomacais; Puri con problemas cervicais; Fleky sen poder adestrar por temas laborais; e Miguel con problemas de migrañas e tamén musculares que mesmo apareceron en plena carreira. Connosco veu invitado un futurible fichaxe para o Noitebra, Ricardo Iglesias, pero parece que se contaxiou do noso estado e tivo unha páxara de campionato cando a priori era candidato a entrar no top 10 da carreira. Destacar que tivemos acompañantes de luxo animando e apoiando, como o pai de Fleky, e en especial a muller de Manolo e a súa amiga Fina. Os seus ánimos en cada paso de meta daban osíxeno extra.
Foto: Silvia Rodríguez

En definitiva, todo foi por compartir un momento en familia, nun lugar moi especial, e nun  día tamén especial para recordar que un servidor leva vestindo escudo e cores do noso club xa 10 tempadas. A todos/as un millón de gracias polo esforzo!! Non o esquecerei nunca.

Desprazamento de pouco máis de hora e media, con tempo abondo para ir, e unha vez alí xa logo puidemos ver que había bo ambiente grazas ás categorías escolares e á carreira dos 9 km, na que participaría o homenaxeado deste ano, o gran Carlos Adán, que terminaría gañando dita proba.

Foto: Adán Roque
Sobre a media maratón, perfil esixente por tramos, pero asumible xa que non é necesariamente rompe-pernas a pesar das costas. O percorrido redúcese a un par de subidas longas, continuadas de baixadas tamén longas e tramos de varios quilómetros de zona semi-chá que se repetirían en dúas voltas e cuarto. O índice de dificultade pódese estudar en función dos resultados dos mellores da carreira, que non distaron moito de marcas como as obtidas noutras medias como, por exemplo, a de Ferrol ou Betanzos.

Foto: Adán Roque
Sorpresivamente, e a pesar da baixa participación,  este ano houbo bo nivel entre os primeiros (basta con comparar coa clasificación do ano pasado) o cal, sumado ao fresquiño de primeira hora, fixo que a saída fose rápida. Logo viría a tortura da segunda volta, con parte final en subida, xusto cando apretaba o calor. Pero na chegada o sufrimento quedaría atrás grazas á grande animación dos veciños, amigos e coñecidos, dende a megafonía, etc. E logo a comer no avituallamento e despois de ducharse degustación de queixo e empanada, con viño...

Foto grazas a Ángeles
En canto aos nosos resultados, indiscutible protagonismo para Puri, así recoñecido polas súas rivais habituais e tamén pola organización. E todo ben merecido logo de gañar a carreira feminina; carreira agónica para Ángeles que se xogou o tipo por rematar. Por sorte contou coa axuda de Nacho para velar pola súa saúde. Do resto pouco máis que dicir: Manolo, duro coma un penedo; Fleky adestrando en plena carreira; e Miguel escarallado, pero facendo marca na proba a pesar das circunstancias presentes e pasadas... (dureza da carreira, onde?? na cabeza dalgúns...baixando 2 minutos a marca e a pesar das cambras e rematar case que andando os dous últimos km.).
Gañaría a carreira absoluta Ramón Serantes, a nas féminas, si, repetimos, a nosa Puri. Insistimos: resultado histórico!!

Foto: Adán Roque
No vindeiro ano a carreira celebra a súa 25 edición, e a nº 13 da súa media maratón.  A convocatoria xa está feita, como ben se recolle na web veciñal, así que máis que nunca o Noitebra non pode faltar á cita, pero todo depende de cada un de vós.

En resumo, día irrepetible, emotivo e inesquecible para os que estivemos alí. Mágoa ter sido tan poucos. Mil e un agradecementos novamente aos que responderon á convocatoria, aos nosos acompañantes e a toda a Organización e Asociación de Veciños de Ferreirúa. Ata o ano que vén!!


Percorrido e perfil
Percorrido
Perfil





Perfil con porcentaxes de desnivel






Clasificacións

Os nosos

Fotos

Vídeo

Instagram

Patrocinadores

Arquivo