mércores, 8 de maio de 2013

Atletismo. X Carreira Pedestre Popular Concello de O Pino (FGA)

O domingo o Noitebra competiu a nivel individual e por equipos na X Carreira Pedestre Popular Concello de O Pino, xa un clásico do calendario galego e do noso club.
Pirri e Jorge afrontando o último km. Foto por xentileza de Jorge García
Día emotivo ao visitar ao noso compañeiro e amigo Félix Salvado, atleta fundador da sección de atletismo e que leva xa moito tempo no dique seco por unha lesión que mesmo o fixo pasar polo quirófano.


Foto: Correlume Club
Cun clima tan cambiante nas últimas semanas, nesta ocasión tocou día de seca e con calor cara ao mediodía. Día e horario novo para esta carreira, pasando do sábado pola tarde ao domingo pola mañá, normalmente momento máis propicio para chamar á participación. Polo tanto, todo parecía idóneo para que fose un gran día para competir en Arca (O Pino), e así foi: moita participación nas categorías escolares; moito público animando no novo percorrido implantado dende o ano pasado; gran implicación da organización e da federación de atletismo... e un enorme nivel ma categoría absoluta, tanto no sexo masculino como feminino.

Esta era unha carreira federada e tamén convocatoria oficial do Noitebra, á cal os nosos responderon nun bo número, reunindo entre todas as categorías uns 18 atletas, aspecto polo cal nos congratulamos e agradecemos.

Foto por xentileza de Jorge García
A primeira proba será precisamente a absoluta, que transcorrería nun percorrido duns 8 km. por un circuíto de dúas voltas con zonas urbanas, rurais e paso por una pequena parte do Camiño de Santiago, mesturando asfalto, terra e grava, cun perfil máis ben sinuoso, pero máis suave que o de Oroso ou Oleiros, por poñer exemplos.
Saída da a lume dado o nivel dos mellores, o cal fixo que a meirande parte da xente fixese a carreira en negativo, como ben se pode comprobar, por exemplo, na comparativa dos tempos por volta que incluímos no cadro das nosas clasificacións. Isto sumado ao feito de que o último kilómetro, onde se deciden os postos definitivos, era o de máis cambios na elevación do terreo (sucesivas subidas e baixadas) e os efectos do calor, explicaban ben que moita xente perdera fose perdendo gas e pagase os sobre-esforzos.

Grande e sobrada vitoria por parte de Alejandro Fernández. Nas mulleres imporíase tamén de forma cómoda Ester Navarrete.


Foto: Correlume Club
A nivel individual e colectivo, os nosos faría en xeral moi boa carreira, destacando en especial o ritmo mantido polos oito primeiros dos nosos atletas (puntuables por equipos), na procura dun novo logro, aínda que nesta ocasión non puido ser polo alto nivel da competición, destacando de especial maneira o renacer do equipo da USC, que acadaría o segundo posto, por detrás do Sar A Poutada e diante do Coruña Comarca (o Noitebra remataría 5º, detrás do Atl. Milladoiro). Resulta salientable, felizmente, a volta ás carreiras con regularidade de Shaila Muñiz, ben escoltada polo seu marido Fran Méndez, en rexeneración do esforzo da Maratón de A Coruña. Seguindo coa sección feminina, novo podio para Puri Bermúdez na súa categoría (2º posto), aínda a pesar de rematar arrastro na segunda volta. E non esquecer a Belén, que parece que xa ten esquecidas as malditas lesións que tanto dano lle fixeran. Nos rapaces, ademais de destacar aos irmáns Iglesias, Amador Pena, Carlos Buján, Víctor Cerqueiro, Jorge García..., polo seu grande rendemento, é necesario mencionar o esforzo de Raúl Iglesias, que aínda que leva arrastrando molestias dende hai moito tempo, ao correr na casa saíu a por todas, o que lle valeu para subir ao podio como o 1º da categoría. Tamén nos alegra ver que Gonzalo Silva, Dani Becerra, Nacho Liñares ou J. R. Abel comezan a recuperarse das súas respectivas lesións... Con todo, como nos dicía Félix, hai que ter sentidiño e se doe parar!! 

E pouco máis que comentar. Como moito falar de que o percance de Miguel Nogueira, que o levou a parar nunha ambulancia, en principio, non foi máis que froito dunha mestura de malestar intestinal e un sofoco por dalo todo no último kilómetro en prol do equipo e tratando de dedicarlle o esforzo a noso amigo Félix, que tan animoso estaba na beirarrúa cada vez que pasabamos. A pesar de recuperar folgos nuns segundos na meta, a preocupación do gran Iván Sanmartín, fixo que por precaución un servidor optase por ser mirado polos especialistas. Dende aquí os meus enormes agradecementos a el e aos rapaces da ambulancia que tan ben me atenderon. Tamén agradecer a preocupación amosada por todos, en especial á familia de Manolo Moure, pendentes de min dende o primeiro intre. Mil grazas, pero por sorte non foi nada fóra do normal...
Foto: Jorge García

Con posterioridade celebraríanse as carreiras escolares onde tiñamos a Moisés e Walter na carreira cadete-xuvenil. Sensacional estado de forma de Walter, que a pesar do nivel quedaría moi ben situado na clasificación xeral. Moisés faría un digno 5º posto na categoría xuvenil.
Tamén se sumarían a este día do atletismo outros pequechos da familia como Xabi e Lucas, que participarían con entusiasmo na carreira da súa categoría.

Ao final, avituallamento líquido e sólido na meta (polo menos eu, votei en falta que fixeran tamén avituallamento de auga na metade da carreira, sobre todo pola polvareda que se levantaba nalgúns tramos e pola calor...), varios lugares para ducharse e cerimonia de entrega de premios moi ben desenvolta. Mágoa que varios dos equipos protagonistas fosen tamén rápidos á hora de marchar, que practicamente non tiñan xente nin para recoller os premios. O mesmo sucedería con moitas premiacións individuais, quedando bastante pobre o evento nalgúns momentos. Compréndese o día que era, as obrigas familiares, que todos temos, pero se sabes que gañaches algo (as clasificacións colgáronas con tempo abondo) quédate a recoller o trofeo, oh. Como ben dixo un dos árbitros federativos na cerimonia, por ser carreira federada, se querían non entregaban o galardón a “representantes” nin a posteriori, como efectivamente figura na meirande parte dos regulamentos federados, especialmente dos campionatos, que se están a publicar ultimamente. E xa non digamos o detalle de subir ao podio coa roupa do club... Repetiuno este home unha e outra vez, como xa fixera noutras carreiras da nosa zona...e o que avisa non é traidor...
Félix S.

Logo destes últimos detalles comentados para aprender un pouco máis desto dos actos protocolarios
no atletismo (que non sei como farán para reducir as demoras), só nos queda felicitar unha vez máis á organización pola dedicación, esforzo e eficiencia demostrados, mesmo xa dende o inicio coa difusión do evento e resolución de problemas no proceso de inscrición. En todo caso bo é que reconsideren o prezo da inscrición, algo elevado para o tipo de proba que é, e outros pequenos detalles.

E enviar dende aquí unha grande aperta para Félix Salvado ao que lle desexamos que se recupere ben e moi pronto.


Percorrido e perfil
Percorrido


Perfil





Perfil con porcentaxes de desnivel







Clasificacións

Os nosos
Fotos

Instagram

Patrocinadores

Arquivo