martes, 16 de xuño de 2015

Torneo 15 Aniversario do Noitebra F.C. As vellas glorias novamente de curto

De éxito rotundo se pode calificar a resposta á convocatoria feita polo presi do equipo, Pepe Bermúdez, para o gran reencontro que prometía ser o do equipo de fútbol do Noitebra F.C. Máis de corenta persoas, entre xogadores do equipo veterano, ex-xogadores e adestradores das 13 tempadas federadas do equipo, déronse cita no campo de fútbol de Brión a tarde do sábado día 13 de xuño, que ficará xa na memoria de todos.
Noitebra F.C. 2015

Bermúdez xunto a Jorge, primeiro adestrador da hª do Noitebra
E é que eran moitas as lembranzas viñan ás nosas cabezas. Os bos e malos momentos deportivos, pero, sobre todo, o bo rollo e amizade que caracterizou tempada a tempada a este modesto equipo de fútbol. Parecía unha viaxe no tempo, e que nos acababan de convocar para un partido oficial, coa rutina do vestiario, poñer a equipación, e “medio-quecer” no terreo de xogo, ao puro estilo Noitebra, con moito balón, e algo menos de correr. Como sempre, o presi Bermúdez exercendo de organizador, que noutrora ata chegara a ser mister, capitán, presi ao mesmo tempo, e o que lle botasen enriba. No presente, “exiliado” en Ponferrada, pero coa mesma, ou maior, capacidade para xuntar á xente do Noitebra e polo Noitebra. Neste ocasión, para celebrar o noso 15 aniversario como club. Case nada!!


Moitos anos levan pasado xa, e o legado fotográfico ten gravado o inexorable paso do tempo en todos nós (para ben ou para non tan ben...). Pero non importaba. Este sábado todos volvíamos ser aqueles rapaces que domingo a domingo saltabamos aos campiños de Santiago adiante para defender as cores do Noitebra. Nesta ocasión, ante o éxito de participación de noitebros, a modalidade escollida para a celebración foi un pequeno torneo de catro equipos de fútbol 7 (ou 8) no que todos gozaron e o puxeron todo no campo (case daba gañas de volver montar a sección de fútbol 11). Pero a moitos tamén se lles fixo moi longo... e logo se pedía á hora. Con todo, as risas, o bo humor e colegueo estiveron presentes, coma sempre. E o mellor de todo, sen lesións!!


Nin o clima logrou augar a festa, que se prolongaría nunha sesión nocturna de pinchos no Bar de Pais, á que se sumaron algúns que non puideran vir ao torneo (Adolfo, Luis Guerra...), e que dou abondo para confraternizar, saber uns doutros, xa que moitos non nos viamos dende había moito, e, sobre todo, para contar aquelas míticas “batallas” de cando compartiamos camisola no campo. Ai!! Síntoma de que imos indo vellos, pero no fondo o sentimento polo Noitebra fainos eternamente mozos.


Foi tal o bo sabor de boca que quedou, que posiblemente se procure facer este tipo de reencontros cada aniversario, e non só de cinco en cinco, como viña sendo tradición. Así que xa sabedes. Estades convocados para o ano que vén!!




Para o recordo, tedes as fotos do torneo no álbum Picasa do Club, accesible dende a cabeceira deste blog ou neste link.

E tamén pequenos vídeos dalgúns momentos do torneo no canal do Club en Youtube, tamén accesible dende a cabeceira do blog ou dende este link.

Forza Noitebra!!

Instagram

Patrocinadores

Arquivo