domingo, 19 de xullo de 2015

Crónica especial Volve o CorreSan!!

A continuación vos achegamos a crónica, coa colaboración de Amador Pena, dunha noite máxica como foi a da carreira nocturna Cidade Vella, que daba inicio, un ano máis ao Circuíto de Carreiras Saudables de Compostela, “CorreSan” (4ª edición). Proba na que Amador tería un papel destacado, e de regalo, uns días despois, nova paternidade. Felicidades!!
 
Foto: La Voz de Galicia

Como dicimos, arrincou o CorreSan coa carreira da Cidade Vella. E, como non, alí estivo o Noitebra, coma sempre cunha ampla representación, e é que desta vez o xa consolidado circuíto de carreiras saudables botou a andar coa cita nocturna polo casco vello.

Como moitos xa saberedes, o cambio de goberno na nosa cidade coincidiu coas datas nas que se organizaba o CorreSan, o que supuxo que non estivese clara a súa celebración ata 10 días antes desta proba, feito que lle engade, se cabe, máis valor a toda a organización e traballos que pasaron o noso compañeiro Iván Sanmartín e os seus colaboradores para quitar a carreira adiante e con tanta calidade.

Da mesma maneira que esta proba medra en participantes e calidade, tamén desta vez medrou en distancia, ata unha distancia total de pouco máis de 5,5 Km. polas rúas do casco antigo e a alameda, cun plus de dureza engadido en forma de costa, aínda que o sentir xeral foi que a xente desfrutou subindo pola Rúa da Conga. Ben sufridores que somos…

Outro cambio substancial respecto a outras edicións foi a zona de saída e meta. Cambiamos unha praza fermosa e acolledora como a da Quintana, pola praza das prazas, a do Obradoiro, motivos de seguridade e loxística propiciaron este cambio, o cal en termos xerais tamén gustou.

Vídeo por xentileza de Runphotos Galicia

Animación durante toda a tarde do sábado coa presencia dun Dj. e dunha animadora que a base de zumba xa logrou que moitos atletas realizasen o pertinente quecemento, e vaia si resultaba necesario estar xa activo no inicio da proba pois…

http://www.corresan.com/
A fume de carozo bregaron os máis pequechos, que abriron as probas deste ano. Entre os nosos contamos con dous habituais, Lucas e Brais, este último viña de acadar ese mesmo día o subcampeonato galego de triatlón, case nada… Moi boa carreira dos dous conseguindo ambos cadanseu posto no podio.

Ás 23 h., de forma puntual, deuse a saída, logo da conta atrás xa clásica desta proba tralo vídeo promocional. Como era de agardar, a maior parte dos corredores da parte dianteira saíron a uns ritmos moi por riba do lóxico e do que as súas pernas agardaban. Un exceso de nerviosismo ou de motivación fixo que uns 100 corredores pelexaran entre as pedras da Rúa do Vilar por estar nos postos de cabeza. Certamente, a maior parte pagaríano segundo ían pasando os kilómetros, incluso con varios abandonos, algún como, por exemplo, o de Alberto Chaves, un dos candidatos a pelexar pola vitoria final.

Vitoria que quedou nas pernas do triatleta internacional de Lestrove, Uxío Abuín, cun tempo de 17’31’’. En mulleres acadaría a vitoria a santiaguesa Raquel Suárez, parando o crono en 20’13’’.Entre os nosos, cabe destacar a actuación de Amador Pena, que sempre ten un plus de motivación nesta proba e así se fixo ver no resultado, acadando a quinta posición absoluta a menos dun minuto do gañador, e a tan so 3 segundos do podio. Importante nivel o que se xuntou nesta cita, e así de caro resultaba colarse nas cincuenta primeiras posicións. Nelas estivo José Manuel Iglesias, nun meritorio posto 25º; tamén Jorge García acadaría entrar nestes postos de honra na posición 41º; moi preto del Miguel Anxo Nogueira e o resto de noitebros, que se ben non foron tantos como agardabamos, os que alí estivemos representamos con todo o que tiñamos nas pernas ao noso club.

Próxima cita, ATENCIÓN, todos/as convocados/as á segunda proba do CorreSan. E non podía ser outra que a Carreira de Angrois, a tarde do sábado 1 de Agosto. Todos os atletas/as noitebros, corran ou non corran, alí habemos estar apoiando aos nosos veciños, nunha carreira que este ano contará con novidades no seu percorrido que compartirá tramos polas parroquias do Castiñeiriño e Sar, transcorrendo por Lamas de Abade, A Chaparra e Angrois.

Ao rematar trataremos de ter uns pinchos para todos os noitebros no Bar O Teré. Quen ande xa fóra, de vacacións, traballe ou teña compromisos previos, escusados estades. O resto, NON FALLEDES. Moitos comezaremos as vacacións ese día e alí estaremos coma cravos, porque é un día importante para o noso club. VAMOS NOITEBRA!!!

  • Clasificación: FGA
Cronica por Amador Pena e Miguel Anxo Nogueira (Pirri)

Instagram

Patrocinadores

Arquivo